BNG traslada todo o apoio e solidariedade ás vítimas do accidente ferroviario de Andalucía e ás súas familias
“Queremos expresar todo o noso cariño, todo o noso apoio e toda a nosa solidariedade ante as terribles imaxes e o terrible accidente ferroviario de Adamuz.
Unha solidariedade e apoio a todo o pobo de Andalucía, pero moi especialmente ás familias, ás vítimas deste tráxico accidente, que sabemos que é un momento moi duro e que deixa unha pegada e un impacto enorme.
En Galiza sabemos moi ben o que significa vivir unha traxedia deste tipo. Creo que hoxe, en certa maneira, todos e todas aquí revivimos ese tráxico accidente de Angrois, a sensación de inmensa pena que tiñamos naquel momento e, polo tanto, desde aquí enviamos todo o noso cariño, toda a nosa solidariedade e todo o noso apoio ás vítimas, porque sabemos que un accidente destas características provoca un grave impacto persoal, familiar, pero tamén que ten un impacto social.
Polo tanto, hoxe todos e todas somos Andalucía e hoxe todos e todas estamos coas familias e coas vítimas deste terrible accidente.
Tempo haberá para esclarecer que pasou, cales son as causas desta traxedia, pero neste momento o máis importante é que se lle preste toda a atención e todo apoio ás vítimas, que se lle preste toda a atención ás persoas que están feridas, pero tamén creo que é importante como se acolle a todas as persoas que perderon algún ser querido neste momento para que teñan todo o apoio que necesiten.
Desde o BNG, o que lle pedimos ao presidente da Xunta é que poña a disposición de Andalucía todo o apoio técnico e de medios que se poidan necesitar, mesmo valéndonos desa dramática experiencia. Estou segura de que isto vai a ser así e, desde logo, toda a disposición do BNG para axudar neste momento en todo o que sexa posible.
Isto era o que vos quería transmitir e, se vos parece, hoxe, deixámolo aquí. Moitas grazas”.