BNG traslada en Celanova as propostas do BNG para frear a escalada de prezos

Acto Celanova
Acto Celanova

Rego participa nun acto público coa veciñanza de Celanova e destaca o papel do BNG no Congreso, única forza que está exclusivamente ao servizo dos intereses das e dos galegos.

Imposto ás grandes eléctricas, elevar os límites do imposto do Patrimonio, a deflactación do IRPF ou baixar o IVE dos produtos básicos e de primeira necesidade: algunhas das propostas que defende a organización nacionalista

A formación nacionalista destaca tamén o compromiso arrincado ao Goberno do Estado para modificar o Real Decreto Lei 6/2022 e recuperar os prazos de exposición pública e a Declaración de Impacto ambiental na tramitación de proxectos eólicos.

O Bloque Nacionalista Galego mantén un acto coa veciñanza de Celanova centrado nas propostas e medidas necesarias para frear a escalada de prezos e saír da crise económica que está agudizando as desigualdades sociais e o empobrecemento das clases populares. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, destacou tamén as numerosas iniciativas rexistradas na cámara baixa para conseguir que o Goberno do Estado rectifique a política eólica que ameaza a Galiza e destaca o compromiso arrincado ao Goberno para que se restaure o proceso de alegacións e participación veciñal na tramitación dos proxectos así como a Declaración de Impacto ambiental durante a negociación para aprobar o RDLei 6/2022.

Xunto con Néstor Rego, interviñeron no acto o voceiro municipal do BNG de Celanova, Leopoldo Rodríguez, e a responsábel comarcal da organización en Celanova-Baixa Limia, Ernesta Seoane. Ambos, destacaron o traballo realizado polo BNG no Congreso: primeiro, a través de acadar un acordo a comezos da lexislatura co PSOE para activar a Axenda Galega; e despois, ao longo da lexislatura, defendendo os intereses das galegas e galegos a través de centenares de iniciativas rexistradas na cámara baixa.

Neste momento unha das principais preocupacións é, sen dúbida, a escalada de prezos que afecta de forma directa ás economías familiares, sectores produtivos e empresas” destaca Rego, “e o BNG puxo en riba da mesa, desde o primeiro momento, unha proposta con medidas urxentes e ambiciosas que de levarse a cabo permitirían controlar e frear a escalada de prezos”.

“O BNG considera urxente abordar unha reforma do sistema fiscal para facelo máis progresivo e redistributivo, ademais de compensar a perda do poder adquisitivo dos sectores da poboación economicamente máis vulnerábeis; a comezar pola reforma do IRPF, para incrementar a progresividade e, mentres dure a situación de inflación, a deflactación da tarifa, evitando a tributación sobre rendementos nominais. Mais tamén baixando o IVE aos produtos básicos e esenciais, como os fornecementos de auga e enerxía, alimentos ou produtos de hixiene ou incrementando os tipos do Imposto de Patrimonio para gravar as grandes fortunas” explica Rego.

No relacionado co sector primario, un dos eidos que ve máis gravemente afectado, o BNG reclama controlar e estabilizar o prezo e mesmo axudas para os sectores agrícola, gandeiro e pesqueiro. Aliás, reclama que o executivo “controle o cumprimento das previsións da Lei de Cadea Alimentaria e que exixa que non se venda por debaixo dos custos de produción”.

Un dos primeiros servizos que sufriu a alza dos prezos, xa desde 2021, foi o eléctrico, por iso debe ser un dos sectores prioritarios nos que o Goberno debe actuar. “O sector eléctrico precisa dunha reforma profunda se queremos ver cambios na factura” subliña o deputado nacionalista, a comezar pola intervención pública do mercado para botar man dos beneficios “chovidos do ceo” das eléctricas e o control os prezos para garantir o acceso á enerxía como “un ben básico” e que se produce con recursos públicos. Rego urxe desvincular o mecanismo de fixación dos prezos da electricidade no mercado maiorista da evolución do prezo do gas nos mercados internacionais e mudar o sistema de pool”.

Enerxía eólica si pero non así

Desde o primeiro momento o BNG defendeu que a autorización para a instalación de proxectos eólicos na Galiza tiña que garantir o respecto e conservación do medio ambiente, patrimonio natural e cultural, terras agrarias e forestais e, sobre todo, que non afecte a vivendas e núcleos de poboación. O Goberno debe garantir que se cumpran estes criterios e a participación pública durante o proceso, porén, no Real Decreto Lei 6/2022, decidiu unilateralmente eliminar o trámite de alegacións así como a Declaración de Impacto Ambiental. Foi por ese motivo que o BNG negociou co Goberno e condicionou o seu apoio na convalidación a que se tramitara como Proxecto de Lei e se recuperaran as garantías de transparencia e publicidade pública.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG