O BNG traslada ao Parlamento as demandas dos traballadores de Correos

John Vivancos e Olalla Rodil
John Vivancos e Olalla Rodil

A Parlamentaria Olalla Rodil mantivo unha xuntanza co Responsabel Nacional de Correos da CIG, John Vivanco, para coñecer os pormenores das demandas laborais, logo de que a Xunta concedera a este colectivo a Medalla castelao.

Rodil felicitou aos carteiros rurais por acadar a Medalla Castelao e instou a Feijoo a “protexer un servizo básico e necesario no noso páis”

A Deputada do BNG, Olalla Rodil, presentará no Parlamento Galego unha iniciativa para pedirlle a Feijoo que “blinde” as condicións laborais das traballadoras e traballadores do servizo de Correos. Rodil anuncia esta iniciativa despois de que se anunciara a concesión da Medalla Castelao ao colectivo do carteiros rurais de Galiza, “Está ben dar medallas, mais tamén esta ben garantir orzamentos” dixo Rodil. Para o BNG trátase “dun merecido recoñecemento, sen dúbida, mais que contrasta coa realidade que atinxe estes profesionais desde hai anos, especialmente nas comarcas do interior do país.”

A Parlamentaria Olalla Rodil mantivo unha xuntanza co Responsabel Nacional de Correos da CIG, John Vivanco, para coñecer os pormenores das demandas laborais e informou que “na provincia de Lugo, o número de traballadoras e traballadores do servizo de Correos foi recortado progresivamente”. Segundo os datos do censo, pois desde o ano 2000 non existe en Correos RPT, entre 2007 e 2017 reducíronse 119 postos de traballo, pasando de 569 a 417 (-26,5%)”. Este recorte de persoal atinxiu a propia cidade de Lugo, na que viven case 90 mil persoas e existen máis de 55 mil vivendas. En Lugo, apenas hai 44 carteiras/os o que sitúa as ratios en 2.045 habitantes por carteira/o e en 1.250 o número de vivendas por traballador/a.

Esta situación imposibilita a prestación do servizo nas debidas condicións á veciñanza, especialmente nas localidades e comarcas rurais.  Cómpre lembrar que a Lei 24/1998, do 13 de xullo, do Servizo Postal Universal e de Liberalización dos Servizos Postais recolle no seu título III as obrigas do servizo público. Neste sentido, estabelécense obrigas dun servizo que se entende de raíz pública, o servizo postal universal e obrigas e dereitos diversos radicados na prestación dos servizos postais.

Porén, estase a aplicar unha unha política pola cal, en base a modificacións dos criterios de dimensionamento, amortízase a práctica totalidade das vacantes dos enlaces rurais e a obrígase a que as e os empregados que prestan os seus servizos na mesma oficina en áreas limítrofes asuman áreas de reparto amortizadas, ou mesmo sexan forzadas e forzados a desprazáranse a outras áreas. Desde o Bloque Nacionalista Galego entendemos que todas estas cuestións contraveñen o sentido público do servizo de correos e a normativa que regula a súa concesión e financiamento. A desaparición dos carteiros rurais ten unha incidencia enorme en Galiza posto que temos máis de 30.000 núcleos de poboación, máis da metade dos do estado español.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG