BNG tilda de “propaganda” a proposición de lei do PP para a Recuperación da Terra Agraria de Galiza

Mini Rivas
Mini Rivas

Xosé Luís Rivas reclamou recursos económicos, técnicos e  humanos para desenvolver a lei e contar coa participación dos axentes implicados na tramitación parlamentaria

Acusa  ao PP de  “tronzar de golpe” o proceso de rexeneración do campo galego iniciado polo BNG coa lei do Banco de Terras e reclamou unha verdadeira lei do goberno galego que defenda as potencialidade das terras agrarias

O portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas afirmou que   á proposición de lei  do Partido popular de recuperación da terra agraria de Galiza, carece dunha diagnose da realidade,  non desenvolve as potencialidades das terras agrarias abandonadas e non conta cos recursos económicos, técnicos e humanos necesarios para o seu desenvolvemento.

O deputado avanzou que o BNG votaría en contra da iniciativa do PP si os populares non modificaban a proposición de lei e presentaban unha “verdadeira lei” coas achegas das organizacións, entidades e forzas políticas. Para o deputado, a proposta popular, “abre a porta a unha maior explotación forestal en detrimento das terras agrarias produtivas”.

Tras tildar o texto de “propaganda”, Xosé Luís Rivas  reiterou a necesidade   dunha verdadeira diagnose da actual situación agraria galega e  elaborar unha memoria económica e organizativa con recursos técnicos e humanos,  prioritarios na tramitación da lei. É preciso, dixo, “poñer freo á forestación das terras potencialmente agrarias” establecendo obxectivos de carácter anual  e co número de hectáreas a recuperar.

Para o deputado, esta lei responde ao proceder do  PP ao que culpabilizou  de “tronzar de golpe” o proceso de rexeneración iniciado polo BNG durante o goberno bipartito con leis como a do Banco de terras. Vostedes, reiterou , son “culpables” de 12 anos de “indolencia , abandono de funcións” e propiciar un  “estado calamitoso” con miles de explotacións pechadas dende o ano 2009.

Esta proposición de lei,  dixo o nacionalista,  forma parte, do “paquete de entrega e venda do territorio aos negocios das multinacionais e dos poderes económicos, en contra dos intereses da sociedade galega”.

Rivas pon en valor o paso do BNG polo goberno galego

O nacionalista aludiu á lei do BNG do ano 2007 baixo o título de “Conservación da Superficie Agraria Útil e do Banco de Terras de Galicia” fronte ao   texto que hoxe presenta o PP  “Recuperación da Terra Agraria  de Galicia” . Daquela, explicou, o obxectivo era “conservar” e doce anos despois xa temos que falar de “recuperar”.

A lei  do BNG tentaba  recuperar e poñer a producir terreos  abandonados. É  resulta curioso que nas 174 páxinas da  proposición de lei que queren tramitar nada se fale de reverte-la situación da terra de vocación agropecuaria que actualmente se encontra ocupada por plantacións forestais.

O parlamentario criticou a intervención   da portavoz popular, Elena Candia López e destacou que no  Proxecto do PP as Oficinas Agrarias Comarcais redúcense a entidades colaboradoras, Agader non conta con estrutura territorial, non existe unha oferta real para a reinstalación de familias en explotacións ben dimensionadas en réxime de aluguer ou compra e descoñecemos para quen e con que uso serán  mobilizadas terras.                      

Rivas insistiu na necesidade de utilizar a lei como principio do Plan Integral de Dinamización e Recuperación do Rural e para iso é preciso, dixo, a participación dos axentes do sector na tramitación parlamentaria  da proposición de lei.

Fixada a situación de partida, os obxectivos a lei deben perseguir o “mantemento da capacidade produtiva da terra, mobilizar superficies agrarias útiles que na actualidade son improdutivas, dinamizar o mercado da terra, promover modelos de explotación de carácter extensivo, garantir o cultivo racional, camiñar cara unha agricultura sustentable e compatible co medio ambiente, protexer os bens públicos e privados preservando as fincas colindantes e “converter a terra nun factor de riqueza colectiva”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG