BNG suspende de militancia e pide a devolución da acta ao concelleiro de Moraña Rubén Fernández tras unha acusación por violencia machista
A Executiva Nacional do BNG decidiu na súa xuntanza do 15 de decembro a suspensión de militancia do concelleiro de Moraña Rubén Fernández Monteagudo, por causa dunha acusación de violencia machista da que se tivo coñecemento o día anterior, domingo 14 de decembro. A denuncia foi comunicada por unha persoa do entorno persoal da vítima.
A Executiva do BNG decidiu actuar de forma inmediata e tomou o acordo unánime de:
- Comunicar a suspensión de militancia e a solicitude de dimisión e devolución da súa acta como concelleiro na localidade de Moraña á persoa afectada pola acusación, que no momento dos feitos non tiña ningún cargo, nin responsabilidade política algunha dentro da organización.
- Poñerse en contacto coa persoa denunciante para trasladarlle o total e rotundo apoio do BNG, así como para expresarlle a disposición a asumir as súas indicacións á hora da comunicación pública deste asunto que, na medida do posible, serían asumidas en aras de protexer o seu dereito á intimidade e privacidade.
A decisión tómase a pesar de o BNG non ter recibido denuncia formal a través da canle interna habilitada pola organización, que chegou verbalmente por unha persoa do entorno da vítima e motivou a reacción inmediata da dirección do Bloque.
O BNG reafírmase na defensa dunha política de tolerancia cero coa violencia machista, veña de onde veña e sexa quen sexa a persoa acusada, e anima a calquera vítima de violencia de xénero a denunciar, sucederan cando sucederan os feitos, porque ningún caso debe quedar impune.
A formación nacionalista quere tamén informar de que conta cun Protocolo contra as violencias machistas en vigor desde 2021, a través do cal calquera militante pode presentar unha denuncia, protocolo que está a disposición publica na portada da web da organización, que foi remitida por correo a toda a militancia, remisión que ademais se fai de xeito periódico para asegurar a súa difusión, e protocolo que está en lugar destacado en todas as sedes do BNG. A día de hoxe, ese protocolo non se activou nunca.
Ademais, conta cunha canle de denuncia, neste caso aberta a calquera persoa, militante ou non, na que deixar denuncias de calquera asunto, incluído tamén o da violencia de xénero.