O BNG "suspende" a Beatriz Mato e di que é a delegada do Goberno de Madrid en Galiza

A deputada Montse Prado recriminou que a conselleira sega poñendo o acento na Formación cando en realidade, afirmou “os únicos beneficiados coa formación son ás empresas”. Prado tildou á conselleira de Delegada do Goberno de Madrid en Galiza.

 Pleno.- Tras a comparecencia da conselleira de Traballo, Beatriz Mato para explicar o Plan anual de Políticas de emprego en Galiza, a parlamentaria do BNG, Montse Prado deu “un suspenso” á titular de emprego argumentando que o panorama laboral galego “é aterrador” e reprobou que a conselleira utilice o Parlamento para “presumir” de datos retocados.

Para a deputada, os datos ofrecidos hoxe pola conselleira de Traballo non recollen a realidade d@s emprendedor@s nin a súa actividade laboral tras un ano así como tampouco daqueles que creron na propaganda da consellería e víronse obrigados a pechar as súas incipientes empresas.

As políticas laborais do PP, dixo, poñen en grave perigo o futuro do noso país. Vostede limítase a cumprir os obxectivos que outros lle marcan aínda que estes obxectivos segan creando pobreza e desestabilidade laboral. Os fondos do Estado, lembrou a nacionalista, aumentan nun 23% mentres que a Galiza destinan un 9% menos e vostede “ven a presumir” de que acadamos o 14% grazas a cumprir os obxectivos.

Por outra parte, a deputada tamén criticou que Mato obviara os datos sobre recursos europeos, “poña os seus esforzos en conseguir recursos para Galiza e en deseñar obxectivos propios para o noso país”, e deixe de ser a delegada do Goberno de Madrid.

Galiza non converxe en materia de emprego, engadiu, e a renda dun galego/a é un 25% menos que no resto do Estado e un 35% que un madrileño. Aumenta a temporalidade, peores salarios e baixos ingresos, 95.000 familias teñen a todos os membros no paro e vostede segue compladecendose e retocando as cifras.

Prado tamén se referiu ao continuos recortes nas prestacións, a redución da intermediación e os contratos de técnico de emprego e orientadores, pesar de toda esa sangría, dixo, quere convencernos de que van a mellorar a intermediación, “como casa unha cousa con outra” preguntou.

Precariedade, temporalidade, contratos por horas, esa “é a realidade galega” por moito que vostede retoque os números, “non ten nada de que presumir”, os datos reais dan unha imaxe dun mercado laboral en Galiza “aterrador”, concluíu.