Xerais 2019 (10N)

O BNG suma o apoio de CxG co obxectivo de garantir que Galiza recupere voz propia no Congreso o 10N

Juan Carlos Piñeiro e Ana Pontón
Juan Carlos Piñeiro e Ana Pontón
Ambas formacións formalizan o apoio cun acordo que recolle os principios políticos condensados nun decálogo e coa incorporación de candidatas e candidatos de CxG nas listas do BNG
O BNG suma o apoio de CxG ás candidaturas que a formación nacionalista que lidera Ana Pontón presenta ás eleccións xerais, e así se plasma nun acordo que ambas forzas asinaron hoxe en Santiago, no que se recollen os principios políticos sintetizados nun decálogo así como a incorporación de catro integrantes de CxG nas listas coas que o Bloque concorre ás urnas o vindeiro 10N.

No acto, tanto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como o secretario xeral de CxG, Juan Carlos Piñeiro Docampo, puxeron en valor un acordo que consideran froito “da responsabilidade, da xenerosidade e da clareza das posicións políticas na defensa dos intereses da sociedade galega, e que ten un único obxectivo sumar o 10N para garantir que Galiza teña representación de país no Congreso”.

O documento do acordo salienta o feito de seren ambas “forzas políticas galegas, non subordinadas a ningunha outra de ámbito estatal e capaces de defender con liberdade e garantías os intereses, dereitos, propostas e aspiracións do pobo galego”.

Candidatura de país

Sen obviar as lexitimas diferencias ideolóxicas que hai entre ambos proxectos, o acordo asinado pon en valor a suma de forzas como fórmula para ampliar a candidatura do BNG cara o 10N, que neste caso plásmase no feito que CxG participa nas listas do Bloque para as vindeiras eleccións xerais, -incorporando un representante por circunscrición-, en aras a acadar o obxectivo de que Galiza volva ter voz propia no Congreso a través dunha “candidatura de país”, como se define no acordo.

Principios políticas

O acordo ten como base dez principios políticos compartidos, entre os que salientan  “a consideración de Galiza como nación e a defensa do dereito de autodeterminación, un concerto económico, a normalización da lingua galega, a defensa de emprego e pensións dignas, banca pública galega, os recursos galegos ao servizo da nosa economía, o feminismo e as políticas pola igualdade como prioridade política, a defensa dos servizos públicos, a defensa do medio ambiente e a transición ecolóxica e, finalmente, a garantía da democracia, os dereitos e as liberdades”.

Juan Carlos Piñeiro e Ana PontónSumar por Galiza

Na súa intervención a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quixo agradecer a CxG “a súa responsabilidade nesta conxuntura electoral, cunha decisión que pon o foco no obxectivo de garantir que Galiza recupere representación propia en Madrid, un reto que esixe sumar a favor do noso país e tendo aquí, en Galiza, o centro de decisión”. A portavoz nacionalista manifestou a súa satisfacción por constatar “que o BNG segue sumando cara o 10N”.

Pola súa parte, o secretario xeral de CxG, Juan Carlos Piñeiro, destacou “que é momento de facer política útil, política que sirva á xente” e quixo tamén “agradecer a xenerosidade do BNG de contar con CxG para esta posición de país porque apostamos por centrarnos naquilo que nos une e este acordo pon en valor aquelo que nos une ao servizo do país”.

Pontón tamén fixo un recoñecemento expreso á posición do acordo: “Queremos agradecer a CxG a súa decisión de pedir o voto para a candidatura do BNG nas eleccións do 10N, que desta maneira se ve ampliada e reforzada como a candidatura de país e a única que vai poder defender os intereses dos galegos e das galegas sen dependencias das forzas estatais, que pensan que o mundo empeza e acaba en Madrid e Galiza existe e queremos existir politicamente no Estado”.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG