BNG solicita a transferencia dos aeroportos galegos para asegurar o seu futuro e eficiencia cun modelo descentralizado

Ana Pontón

Pontón: “O traspaso é de interese estratéxico, é hora de que os nosos aeroportos estean ao servizo de Galiza e non do centralismo”

Alega que a xestión directa permitiría fixar taxas, aumentar rutas e acometer un plan estratéxico propio para o sistema aeroportuario galego

Cre un “parche” o grupo de traballo que propón o Goberno do PP e pídelle que apoie a iniciativa do Bloque no Parlamento en favor do País

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou en rolda de prensa que o BNG rexistrará hoxe mesmo unha proposición de lei no Parlamento galego para reclamar a transferencia a Galiza dos aeroportos de Santiago, Vigo e A Coruña, co fin de garantir o seu futuro e eficiencia a través dun modelo descentralizado.

“É o momento de asumir a responsabilidade de xestionar os aeroportos galegos apostando por un modelo descentralizado como se fai na maioría dos países da nosa contorna”, incidiu logo de alegar que a descentralización é unha cuestión “de sentido común” para que os tres aeroportos do País non “perdan peso e oportunidades”. “O futuro tampouco pode ser estar permanente na queixa de que mal o fan desde Madrid”, engadiu en referencia á actitude do Goberno de Alfonso Rueda.

Pontón indicou que o traspaso das competencias aeroportuarias non é un capricho político, senón “unha cuestión de eficiencia e de futuro”, ao tratarse dunha competencia estratéxica para Galiza. Primeiro, polo papel fundamental que xogan os tres aeródromos nas rutas internacionais tanto de persoas como de mercadorías e, en segundo lugar, porque as conexións aéreas son de vital importancia para “atraer investimento, impulsar un turismo de calidade ou facilitar a internacionalización das empresas galegas”.

“É hora de que os nosos aeroportos estean ao servizo de Galiza e non do centralismo”, sintetizou para recordar que, na actualidade, os galegos e as galegas sofren un modelo centralista que sitúa ao aeroporto de Madrid como eixe central e confire á rede aeroportuaria galega “un papel secundario” que a penaliza á hora de desenvolver un sistema de rutas adecuado ás necesidades de mobilidade tanto de persoas como de empresas.

Neste sentido, lembrou que no ano 2024, os tres aeroportos galegos tiveron 5,9 millóns de persoas usuarias segundo os propios datos de Aena, unha cifra moi similar á prepandemia e moi lonxe da capacidade que teñen, xa que poderían acoller case a tres millóns de pasaxeiros e pasaxeiras máis.

A líder nacionalista advertiu que a creación dos comités de coordinación aeroportuaria só permiten unha participación testemuñal da Xunta e das cidades nas que operan os tres aeródromos galegos, o que impide o desenvolvemento dunha estratexia propia. “Tampouco vemos que a solución sexa ese grupo de traballo que propón a Xunta, que non é máis que un parche e un enredo que só vai servir para prolongar a situación actual”, criticou.

Fronte a esta “situación de parálise e perda de impulso” no sistema aeroportuario galego, Pontón avogou por actuar “con altura de miras e con ambición de país” apostando pola xestión directa dos aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo, tal e como propón o BNG na súa proposición de lei orgánica.

Esta transferencia implica o traspaso da titularidade dos tres aeroportos e de todos os bens de dominio público afectados á sociedade Aena situados en Galiza, mediante a ordenación, dirección, conservación, coordinación e explotación do sistema aeroportuario galego e dos servizos que se prestan no seu interior.

Un “cambio histórico”, alegou, que permitiría dirixir os tres aeroportos de interese xeral desde Galiza e, polo tanto, antepoñer os intereses dos galegos e das galegas e facerlle fronte tamén á competencia doutros aeródromos internacionais da contorna. 

Este “exercicio de autogoberno” implicaría tamén que Galiza podería decidir as taxas dos tres aeroportos e investir os beneficios no propio sistema aeroportuario, así como desenvolver un plan estratéxico que contemplara a especialización e a complementariedade das tres infraestruturas, atendendo ás necesidades tanto do tráfico de persoas como do de mercadorías.

Ademais, a portavoz nacional remarcou que a transferencia tamén permitiría ao País deseñar un mapa de rutas consensuado e coordinado para garantir a competitividade dos tres aeroportos, recuperando rutas canceladas e incrementando voos internacionais, modernizar as súas instalacións e impulsar a súa conexión ferroviaria.

De igual xeito, tamén posibilitaría que as cidades da Coruña, Santiago e Vigo participasen directamente na dirección e xestión dos seus respectivos aeroportos, tal e como sucede na maioría dos sistemas aeroportuarios da contorna.

Por todo isto, Pontón pediu o apoio unánime da Cámara á proposta do BNG e, singularmente, o do PP, ao que pediu que “se poña do lado da defensa dos intereses de Galiza” nunha “cuestión clave para calquera país” como é o sistema aeroportuario“. Pedímoslle que non siga apoiando un modelo centralista que está levando os nosos aeroportos a unha situación de perda de oportunidades e marxinalidade”, concluíu.