O BNG solicita a comparecencia de Ana Pastor para tratar "o caos e os abusos imperantes" na AP-9
Rosana Pérez que xa ten presentado iniciativas parlamentares como proposicións non de lei para instar á Ana Pastor a adoptar medidas ante a persistente e reiterada situación de atascos en varios puntos das cabinas de cobro de peaxes da AP-9, considera que xa é hora de abordar este tema en profundidade, con seriedade e superando os meros avisos ou declaracións con pretendido tón de malestar do Ministerio ou da Xunta.
Para a deputada do BNG a situación require de medidas contundentes por parte de Fomento como a aplicación de sancións, porque non é admisíbel que miles de cidadáns galegos e galegas fiquen atrapados en enormes atascos todas as fins de semana do verán só porque unha concesionaria avariciosa quer facer o agosto a conta da xente. Rosana Pérez afirma que non hai xustificación na actitude da empresa que non só mantén o personal mínimo nas cabinas de cobro, senón que por riba se nega a levantar as barreiras en momentos de atasco.
A AUDASA impórtanlle pouco os expedientes informativos, debe haber sancións
Un mal servizo non debe pagarse. Iso debería rexir para todo tipo de servizos, incluidas as peaxes. A maioría de nós cando colle unha autoestrada é para axilizar a viaxe, para acurtalo e facelo en menos tempo. Está claro que os usuarios que deciden coller a AP-9 nas fins de semana reciben todo o contrario, tardan moitísimo máis tempo aínda, sinala a deputada do BNG.
A parlamentar nacionalista opina que a situación xa xerou en grave, e que se precisa dunha comparecencia da Ministra para abordar toda a problemática da AP-9 con seriedade e rigor. E non vale con rematar o verán e agardar á seguinte ocasión. Este tema debe ser tratado.
Rosana Pérez solicitou a comparecencia de Ana Pastor para que dea conta das medidas que está a adoptar ante AUDASA, e sobre todo, para saber se máis alá de incoar expediente informativos á concesionaria, ten pensado obrigala a levantar as barreiras en momentos como do sábado pasado na saída da AP-9 cara o Salnés. Ademáis, lembra que xa Fomento abriu un expediente informativo no 2012 e a día de hoxe descoñecemos as súas conclusións e se deu lugar a accións por parte do Ministerio porque a realidade demostra que á concesionaria pouco lle importan os expedientes informativos e sigue actuando como quer.