Parlamento Galego

BNG rexeita a reforma do PP en Atención Primaria porque vai consolidar o seu deterioro e empeora as condicións do persoal

Iria Carreira
Iria Carreira acusa o Goberno de Rueda de intentar cargar nas profesionais dos centros de saúde as consecuencias da súa falta de planificación

A deputada do BNG na área de sanidade, Iria Carreira, acusa o Goberno do PP de intentar levar a cabo unha reforma na Atención Primaria que non só vai empeorar as condicións laborais do persoal facultativo dos centros de saúde senón que, ademais, vai consolidar o deterioro da asistencia que se presta ás persoas doentes.

“O Partido Popular pon enriba da mesa unha reforma da Atención Primaria que consolida pola vía dos feitos o seu deterioro e, ademais, fai saltar polos aires, definitivamente, este nivel asistencial”, advirte a deputada nacionalista, para quen o Goberno de Rueda pretende cargar nos profesionais a ausencia de facultativos, consecuencia de anos de falta de planificación e das “políticas neglixentes” en contra da sanidade pública.

 “Hai moitos anos que se sabía o número de xubilacións que se ían producir mais os sucesivos gobernos do Partido Popular mantiveron unha clara folla de ruta na que foron deteriorando a Atención Primaria restándolle orzamentos e capacidade de xestión”, sostén.

Carreira critica, deste xeito, que co “presunto” obxectivo de paliar o déficit de médicos e médicas de familia, o PP elimine a posibilidade de que haxa persoal propio nos Puntos de Atención Continuada (PAC), por un lado, e nos centros de saúde, polo outro. “Empeora ademais as condicións nas que traballan os médicos e médicas de familia porque introduce a obrigatoriedade de facer horas de garda nos PAC, a maiores da súa xornada ordinaria, privando ademais a posibilidade de solicitar a súa exención ás profesionais de máis idade”, engade.

“A creación da especialidade de Medicina de Familia foi un fito que puxo a Atención Primaria nun nivel equiparable ao da Atención Hospitalaria e non podemos permitir que se volva atrás”, manifesta Carreira, que rexeita que se pretenda agora flexibilizar os requisitos vía MIR para os e as médicas de familia.

A deputada nacionalista comparte, neste sentido, o “profundo rexeitamento” que a reforma do PP está a provocar entre os e as profesionais da Atención Primaria e amosa o apoio do BNG á convocatoria de folga o próximo 26 de novembro.

Carreira acusa o Executivo de Rueda PP de ter á Atención Primaria “infradotada, infravalorada e desprestixiada”, situándoa á cola do Estado en investimento. O BNG, lembra, propón blindar por lei que este nivel asistencial reciba o 25 % do orzamento total da Consellería de Sanidade, tal e como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS), coa fin de garantir o dereito á saúde de todos os galegos e galegas. 

Entre as propostas nacionalistas destaca así mesmo a de potenciar novas categorías profesionais, como a da psicoloxía clínica, para ter “verdadeiros equipos multidisciplinares” nos centros de saúde. “Precisamos unha atención primaria libre de recortes, listas de espera e cos recursos materiais e humanos para atender ás necesidades da poboación”, conclúe.