BNG rexeita o proxecto de decreto do Estatuto das Mulleres do Mar porque carece de medidas reais contra a desigualdade
A deputada do BNG Carmela González reclamoulle ao Goberno do PP a retirada do proxecto de decreto do Estatuto das Mulleres do sector marítimo-pesqueiro porque, segundo denunciou, “non só non elimina a discriminación, senón que afonda nas desigualdades” que sofre o colectivo.
“Estamos ante unha normativa con unha nula perspectiva de xénero”, sostivo a deputada nacionalista no transcurso dunha pregunta sobre esta cuestión á conselleira do Mar, Marta Villaverde, á que reprobou tamén o retraso na aprobación do estatuto. Segundo a Lei de Igualdade de 2023, debería estar creado e aprobado o 31 de decembro de 2024. “Van un ano e tres meses tarde”, subliñou Carmela González.
Un incumprimento, engadiu, que se suma ao de crear o Observatorio das mulleres do Mar, tamén contemplado na Lei de Igualdade e aprobado por unanimidade no Parlamento hai xa tres anos tras ser reclamado durante anos polas traballadoras do sector.
Alén dos prazos, a deputada do Bloque cualificou de “decepcionante” o proxecto de estatuto que tramita o Goberno de Rueda porque non recolle medidas concretas para loitar contra a discriminación e as desigualdades que sofren as mulleres do mar, nin tampouco promove a súa participación nos órganos de decisión e dirección. Ademais, denunciou, “coloca a responsabilidade dos coidados e da súa conciliación sobre as propias mulleres”.
Carmela González considerou que o Estatuto é unha “ferramenta fundamental” para garantir un futuro laboral e social “digno e en condicións de igualdade” para mariscadoras, percebeiras, bateeiras, mariñeiras, armadoras, redeiras, peixeiras ou traballadoras das conserveiras.
“Mulleres que traballan e viven na costa galega e sofren discriminacións e desigualdades polo simple feito de o seren”, dixo en alusión entre outras cuestións, á escasa ou nula representación nos órganos de dirección ou decisión, a peores condicións laborais e salariais, á infravalorización das enfermidades profesionais ou á falta de medidas de conciliación e corresponsabilidade.
É por todo iso que, no transcurso da pregunta parlamentaria, González instou á conselleira a retirar ou, cando menos, a modificar totalmente “cun xiro de 180 grados”, o proxecto de decreto do estatuto “para garantir que recolla medidas concretas e reais para loitar contra a desigualdade”.
Na quenda de réplica, Carmela González desexoulle “moita valentía” para “enfrontarse a un sector que leva centos de anos dirixido por homes e no que as mulleres, cada vez que dan un chanzo para avanzar, atópanse con atrancos, acosos e situacións que seguro que nalgún momento relatáronlle tamén a vostede”.
A deputada nacionalista, que lembrou o avance das mulleres na política grazas ás listas paritarias e pediu medidas no mesmo sentido no sector do mar, concluíu urxindo á titular da Consellería a convocatoria do Consello Galego de Pesca para abordar a desigualdade no sector.