BNG rexeita os Orzamentos dun goberno estancado, que non pensa na xente e só busca vender Galiza a prezo de saldo
Presas defende a alternativa do Bloque ás contas do PP, que traerán máis recortes e non son nin históricas, nin suficientes nin sociais nin reais
Critica o non absoluto de Rueda ás propostas nacionalistas centradas en rescatar servizos públicos, avanzar en dereitos e aceptar a quita da débeda
O BNG confirmou co seu voto no Pleno dos Orzamentos o rexeitamento claro ás contas presentadas polo PP para 2026 porque son reflexo dun goberno estancado que non pensa nas necesidades da xente e que “non ten máis ideas que vender Galiza a prezo de saldo”. “Son uns orzamentos indiferentes dun goberno indiferente, impasible ante os grandes problemas dos galegas e galegas e ante os retos de Galiza como País”, asegurou a portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, encargada de defender as emendas nacionalistas ao articulado e ás partidas de gasto.
En total, 575 emendas parciais que o PP rexeitou cun non absoluto, confundindo a maioría absoluta co absolutismo, remarcou Presas, que emprazou o Goberno de Rueda a “escoitar para acertar” o que os galegos e as galegas lle están a dicir na rúa en manifestacións como a celebrada este domingo contra Altri . “Non só están pechados na súa torre de marfil, é que teñen as persianas baixadas e os tapóns dos oídos postos”, reproboulle ás bancadas populares.
“Quen son os don non, señorías do Partido Popular?”, preguntou a deputada nacionalista, advertindo que o articulado dos orzamentos aprobados supón un non ao futuro do País: “Non á defensa de Galiza, non á blindaxe dos servizos públicos e non ao avance dos dereitos sociais”. Fronte ao non ao facer avanzar a Galiza, proseguiu, está a alternativa do BNG, que é a do “si aos servizos públicos, si aos dereitos sociais, si á innovación e si ao autogoberno de Galiza”.
Respecto ao articulado, Presas defendeu unha batería de 31 emendas que, segundo explicou, no que ten que ver co rescate do servizos públicos buscan frear a privatización, blindar o orzamento da tesoira do PP —en Atención Primaria o recorte supera xa os 1.700 millóns de euros— e mellorar as condicións laborais e salariais do persoal a cargo da Xunta, como o profesorado ou os bombeiros forestais.
Xunto ao rescate dos servizos públicos e á necesidade de poñer punto e final á “chapuza” das colaboracións público-privadas na sanidade, como se vén de constatar co escándalo de Ribera de Salud, o BNG defendeu outro bloque de emendas para avanzar en dereitos. Entre estas, a de quitar o veto para incrementar o complemento das pensións contributivas.
“Vostedes prefiren usar o autogoberno para que os 8.000 galegos máis ricos aforren case 6.000 euros ao ano que subir o complemento dunhas pensións que non chegan á metade do salario mínimo no mellor dos casos”, recriminoulle ao PP a deputada do Bloque.
A alternativa do BNG que expuxo Presas no debate do articulado pasa, así mesmo, pola defensa do autogoberno e por que Galiza aproveite a “oportunidade histórica” que supón a quita da débeda (máis de 4.000 millóns de euros) negociada polo BNG no pacto de investidura.
Un presidente “indigno” que rexeita a quita da débeda
Un tema no que Presas incidiu tamén no debate das emendas ás partidas de gasto, no que considerou “indigno” que o presidente da Xunta, pola súa submisión aos intereses partidistas de Feijóo, insista en negarse a negociar a quita dunha débeda que o PP triplicou nos seus anos de goberno e que nos Orzamentos de 2026 custa máis que toda a Consellería de Política Social. “Isto é vender aos galegos e as galegas para defender os intereses partidistas”, sostivo.
O PP rexeita a condonación de máis de 4.000 millóns que poderían servir para mellorar a sanidade, a educación ou a dependencia e négase, en obediencia ao seu “amado líder” a negociar o novo marco orzamentario do Estado e as novas regras de gasto, o que pode supoñer a perda de máis de 280 millóns para Galiza, afondou a portavoz de Facenda nacionalista.
Todo isto malia que os Orzamentos son, engadiu, claramente insuficientes, pois nin tan sequera compensan o 2,7 % de inflación do 2024. “Un orzamento que medra menos que a carestía da vida é en realidade un orzamento recortado”, lamentou Presas, incidindo neste punto en que as contas do PP reflicten un goberno que, malia súa “ficción”, mira para outro lado despois da peor vaga de lumes da súa historia recente, non afronta a “crise enorme” que atravesan os servizos públicos ou só ofrece fume e promesas grandilocuentes que non cumpre para resolver o problema da vivenda.
O nariz de Pinocho e o eucalipto no escudo
“Se lles medra o nariz como a Pinocho por cada mentira que contan en materia de vivenda non poderían entrar pola porta deste Parlamento”, salientou tras lembrar que no 2024 tan só se remataron 5 vivendas de protección autonómica, e tres neste 2025.
Entre outras emendas, destacou que o BNG propuxo 20 M€ para impulsar o Plan da Cinza á Vida e recuperar zonas especialmente danadas polo lume ou outros 10 M para un plan de reorientación forestal cara madeiras autóctonas. Dúas propostas rexeitadas por un PP que “prefire alimentar os intereses das pasteiras, promover Altri e promover a moratoria fake do eucalipto”. “Un día van cambiar o cáliz do escudo de Galiza por un eucalipto!”, ironizou.
O BNG presentou así mesmo emendas para aumentar en 15 M€ a financiación do SAF e subir en dous anos até os 20 euros/hora a financiación aos concellos; ou para destinar 20 M€ a un novo modelo de vivenda protexida. Máis de cen propostas para mellorar a mobilidade e facer máis seguras as estradas, outras tantas para infraestruturas sanitarias e 60 máis para ampliación de centros de día e escolas infantís figuran tamén na alternativa nacionalista aos orzamentos.
Unha alternativa que inclúe ademais propostas para contratar máis profesorado e plans de atención ás necesidade de apoio educativo, 50 M€ máis para a universidade pública ou melloras en saúde mental que pasan por contratar 100 profesionais, dotar todas as áreas sanitarias dunha Unidade de Hospitalización Infanto-Xuvenil ou 21 M€ para un plan urxente de saúde mental e prevención do suicidio. Medidas como o Plan Galiza Coida para a atención ás persoas maiores, ou avanzar nos dereitos ás mulleres fronte a un PP que recorta os orzamentos na atención as vítimas da violencia machista forman parte tamén da alternativa do BNG.
Medidas para a remuda xeracional ou para a recuperación e rexeneración das rías, para impulsar o sector naval ou 20 M€ para un plan plurianual A Ulloa Ulla Arousa súmanse ás emendas do BNG que, entre outras cuestións, apostan por mudar o sistema produtivo, poñendo Galiza a producir cun desenvolvemento autocentrado e que teña como base a ciencia, a tecnoloxía e o impulso da I+D+i.
Unha empresa pública de enerxía ou a creación dun fondo soberano para unha Galiza innovadora que permita mobilizar 1.200 millóns de euros até o ano 2032 completan as propostas dun BNG que, segundo remarcou Presas, cada vez ten máis apoio entre os galegos e as galegas como alternativa “comprometida co País e co único compromiso de darlle a Galiza o futuro que se merece”.