congreso

BNG rexeita novos recortes nas pensións

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama subir as pensións mínimas para diminuír a fenda de xénero e a da Galiza co Estado

O deputado nacionalista considera regresivo penalizar as xubilacións anticipadas e incentivar a permanencia no mundo laboral cando hai 40% de desemprego xuvenil

O Bloque Nacionalista Galego considera que o acordo anunciado sobre a reforma das pensións é regresivo e implica, na práctica, consolidar os recortes executados con anterioridade e aplicar medidas claramente regresivas como a penalización das xubilacións anticipadas ou destinar diñeiro público para retrasar a idade real de xubilación. O deputado nacionalista subliña que o Goberno incumpre o compromiso de subir as pensións mínimas e lembra que a Galiza ten as segundas pensión máis baixas do Estado.

O BNG, por medio do deputado no Congreso, Néstor Rego, rexeitou os anuncios sobre a reforma das pensións por considerar que, de facto, se trata de mudanzas regresivas, que se afastan do camiño de recuperar dereitos e mellorar a calidade de vida e benestar das clases populares.

Rego considera negativo que o Goberno manteña -e mesmo incremente nos primeiros meses- a penalización das xubilacións anticipadas e lembra que os movementos de pensionistas veñen reclamando a posibilidade de xubilación con 40 anos cotizados, que o BNG apoia, mesmo no camiño de que esa exixencia se reduza aos 35 anos. Esta medida, xunto coa 'incentivación' da permanencia no mundo laboral para alén da idade legal de xubilación, van na liña oposta á mellora da calidade de vida de traballadores e traballadoras e a mellorar as oportunidades laborais da xente nova.

“Cando temos 40% de desemprego xuvenil e a nosa mocidade ten de emigrar masivamente por non encontrar aquí oportunidades laborais, pretender -destinando para iso diñeiro público- que os traballadores e traballadoras demoren a xubilación máis alá dos 67 e mesmo dos 70 anos é máis que unha liña errada, é simplemente un despropósito”, subliña Rego, que defende que ese diñeiro debería ser destinado a pensións dignas e a facilitar a entrada de mozas e mozos no mundo laboral.

O deputado nacionalista reclama que, para alén de garantir a revalorización co IPC, sexan subidas as pensións mínimas e lembra que este era un compromiso do Goberno de coalición que, ao que parece, ficou polo camiño. “Subir as pensións mínimas até equiparalas co SMI e elevar ambos progresivamente até 60% de salario medio, é unha exixencia irrenunciábel. Cabe lembrar que a Galiza ten as segundas pensións máis baixas do Estado español, polo que esta medida reduciría á vez a fenda de xénero e tamén a da Galiza co Estado.

Néstor Rego subliña que no noso País practicamente 50% das pensións están por baixo dos 700 euros e que a pensión media se situaba en 2019 en 970 euros, 183 euros menos da media do Estado e 380 euros inferior á de Madrid. Aliás, Ourense é a provincia coa pensión media máis baixa do Estado español, con 807 euros; é dicir, 543 euros menos que Madrid e 643 euros menos que a media provincial máis alta, a de Biscaia.

O deputado do BNG considera decepcionante a política de pensión do Goberno de coalición español. “Na práctica, non só non derrogan a reforma das pensións, senón que consolidan os recortes brutais aplicados desde 2011. Manteñen a idade legal de xubilación en 67 e mesmo queren aumentar a idade real. Derrogan o 'factor de sustentabilidade' que implantara o PP, mais pretende que se introduza un novo factor de 'equidade interxeracional', que poderá ter os mesmo efectos negativos”, sinala Rego.

Por outra parte, o BNG considera que persisten políticas de privatización das pensións, como o apoio aos Plans de empresa ou mesmo a ameaza de aumentar de novo o período de cómputo até os 35 anos, o que suporía un novo recorte das contías das pensión por riba de 6%. Por iso, a forza nacionalista reclama ao Goberno que cumpra o prometido, que derrogue de verdade a reforma das pensións e que suba as pensións mínimas co Salario Mínimo Interprofesional.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG