BNG rexeita a mina de Doade porque “é un cabalo de Troia vestido de verde que agocha unha grande ameaza para Galiza”

Noa Presas

Noa Presas acusa o PP de branquear un proxecto que é “colonialismo de manual”: “En Galiza non queda nin o beneficio de facer unha fotocopia”

“Para o noso País esta mina é espolio, destrución e contaminación; para outros, emprego, tecnoloxía e produción”, asegura a deputada de Ourense

A deputada do BNG Noa Presas acusou o Goberno do PP de “branquear”  o novo proxecto da mina de Doade, ao que se referiu como “un cabalo de Troia vestido de verde que agocha unha grande ameaza para Galiza”. “É un obstáculo para o futuro do noso País, da viabilidade medioambiental da bacía do Miño, da serra Suído-Seixo e dos nosos sectores produtivos”, advertiu.

Presas defendeu na Comisión de Industria unha iniciativa para reclamar á Xunta o rexeitamento de industrias lesivas para o territorio e a poboación galega e, neste sentido, reclamoulle ao Goberno do PP que “rectifique” e diga non á mina de litio en Doade porque, segundo asegurou, é unha fraude democrática, ten antecedentes dos riscos que supón e é “colonialismo de manual: 100 % de impacto para O Ribeiro e cero beneficio para Galiza”.

Afondando nesta cuestión, asegurou que todo o proceso industrial da mina de Doade, para sacar litio, vai estar fóra de Galiza, unha parte en Asia e outra na fábrica de baterías de Zaragoza, onde creará “presuntamente” 4.000 empregos e onde están tamén as oficinas centrais da empresa. “En Galiza non queda nin o beneficio de facer unha fotocopia”, lamentou a deputada ourensá, insistindo en que “para o País esta mina é espolio, destrución e contaminación; para outros, emprego, tecnoloxía e produción”.

Neste punto, cualificou de “insulto” o estudio de impacto económico e social presentado, porque nin cuantifica os empregos, nin distingue traballo directo e indirecto, nin achega previsións salariais ou mecanismos para garantir a contratación de persoal da comarca.

O mesmo modus operandi da eólica

A deputada nacionalista denunciou, por outra banda, que esta iniciativa de explotación mineira supón unha fraude democrática porque non é nova e segue o mesmo modus operandi da eólica, fragmentando o proxecto xa presentado para tapar o seu impacto real. O proxecto presentado agora, subliñou, é moi similar ao que Minerales de Galicia S.A. solicitou en 2018, un “macroproxecto” de máis de 1.700 hectáreas con afección directa nos concellos de Beariz, Avión, Forcarei, A Lama e Cerdedo-Cotobade.

Segundo lembrou Presas, o proxecto de 2018 parouse tras un informe crítico da Confederación Hidrográfica Miño-Sil por afección grave aos recursos hídricos, “fundamentais para a vida da xente, para o sector primario e para a loita contra a crise”. O novo proxecto chega, pois, con antecedentes da ameaza que supón.

Situado a 540 metros da Zona Especial de Conservación (ZEC) Serra do Cando, pertencente á Rede Natura, a explotación de litio que se pretende desenvolver agora prevé un uso intensivo de maquinaria pesada, gran consumo de auga e xeración de augas residuais industriais, que serán vertidas ao rego Porto do Anta, afluente do Avia, e posteriormente do Miño, tal e como salientou Presas, que advertiu así mesmo da afectación da mina sobre os hábitats de flora e fauna local.

“A comarca do Ribeiro, recoñecida pola súa riqueza vitivinícola e o seu valor medioambiental, e tamén polo seu clima sensible á crise climática, depende enormemente da calidade das augas”, continuou na súa exposición, para alertar das “consecuencias irreversibles” que pode ter tamén para o abastecemento humano calquera alteración nos ciclos hídricos.

Fronte ao lema “Galiza é unha mina” abrazado por un PP que goberna “os intereses da maioría” para favorecer ás “súas empresas amigas”, a deputada do BNG por Ourense proclamou que “Galiza é unha potencia mineira pública, de todos e todas” e, polo tanto, “debe servir aos intereses colectivos”.

Textualmente, a iniciativa nacionalista reclamaba ao Parlamento instar á Xunta a “defender o futuro do noso País e a viabilidade medioambiental da bacía do Miño, a serra Suído – Seixo, así como os nosos sectores produtivos e non apoiar proxectos lesivos para o territorio e a poboación galega.”