BNG rexeita en Lugo o aumento do gasto militar e o rearme de Europa
Néstor Rego denuncia que este incremento implica un retroceso democrático e social, e exixe que sexan priorizados os investimentos en sanidade, educación e servizos públicos
O acto realizado pola organización nacionalista centra o foco en desmontar a política do medo que está intentando difundir a UE e o Estado español
O Bloque Nacionalista Galego expresa o rotundo rexeitamento ao incremento do gasto militar e aos plans de rearme impulsado polo Estado español e a Unión Europea. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada provincial na Deputación de Lugo, Iria Castro, advirten durante o acto que decorreu na capital lucense das graves consecuencias sociais, económicas e políticas que trae consigo esta aposta polos orzamentos bélicos en detrimento das políticas sociais.
"Aumentar o gasto militar en millóns de euros mentres seguen sen cubrirse prazas na sanidade pública, sen reforzarse os coidados, sen garantir unha educación digna ou vivenda accesíbel, é unha decisión ideolóxica que prioriza o negocio armamentista frente ao benestar da xente" afirma Rego durante a súa intervención. "O BNG di claramente: rexeitamos o rearme do Estado español e de Europa, e apostamos por unha política de paz, de cooperación e de defensa da vida".
O deputado nacionalista cualifica como "inaceptábel" que o Goberno do Estado estea a asumir sen debate social nin parlamentario compromisos coa OTAN e cos Estados Unidos para elevar o gasto militar por riba de 2% do PIB, mentres se desprezan as demandas da maioría social que exixe reforzar os servizos públicos e protexer os dereitos básicos.
"Non estamos ante unha medida illada. É unha estratexia dirixida a converter Europa nun actor militar global, con máis armas, máis exércitos e máis confrontación. Esa non é a Europa que queremos. A Galiza debe alzar a voz contra este modelo e defender unha posición activa a favor da paz" subliña Rego.
Alimenta os grandes intereses económicos do “amigo norteamericano”
O BNG tamén puxo o foco no feito de que este incremento do orzamento militar, que pretenden facer pasar pola aposta pola “autonomía estratéxica” de Europa, na verdade implica a cesión ás exixencias de Trump e dos EUA e vai contribuír para alimentar aínda máis os lucros da industria armamentística norteamericana. "Os que falan de seguranza mentres recortan en saúde ou permiten que milleiros de persoas vivan en situacións de pobreza están mentindo. A verdadeira seguranza constrúese con dereitos, non con armas” engade Rego.
Durante o acto, no que tamén participaron representantes locais e militantes da organización, fíxose un chamamento a mobilizarse contra esta deriva militarista e a defender un modelo de sociedade centrado nas necesidades da maioría social. O BNG reitera a súa proposta de saír da OTAN, de reducir o gasto militar e de avanzar para unha política exterior baseada na cooperación, no desarme e na resolución pacífica dos conflitos por medio das vías diplomáticas.