Parlamento Galego

BNG rexeita a Lei de Acompañamento que o PP usa para gañar control político e dar negocio ás súas empresas amigas

Olalla Rodil

Rodil acusa a Rueda de converter Galiza nun gran eucaliptal: “A Santísima Trinidade das pasteiras está a fregar as mans polas novas plantacións”

Critica os cambios nas condicións das vivendas até convertelas en “latas de sardiñas” e advirte da falta de control na asignación de VPA en alugueiro

Denuncia beneficios tramitados un ano máis  “pola porta de atrás” para o lobby eléctrico: os proxectos eólicos por riba das directrices da paisaxe

O BNG votou en contra da Lei de Medidas Administrativas e Financeiras, que cambia 50 leis e decretos pola porta de atrás e dun “só plumazo”, porque supón un “auténtico atropelo democrático” co que o PP na Xunta pretende acadar máis control político nas institucións e ampliar o negocio para as súas empresas amigas, en contra dos intereses da maioría social.

Así o asegurou a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, encargada de defender no Pleno a emenda á totalidade á lei que acompaña aos Orzamentos, unha clara demostración do “estilo Rueda” e do “concepto tan absolutista” que ten da maioría o PP, que usa este subterfuxio de forma abusiva para, por exemplo, sacar adiante a “moratoria fake” pola que Galiza vai camiño de converterse nun “gran eucaliptal”.

“Empresas como a Santísima Trinidade das Pasteiras (Ence, Navigator e Altri) fregan as mans coa autorización de novas plantacións de eucaliptos en terreos e comarcas nas que até o de agora estaban, supostamente, prohibidas”, advertiu a deputada nacionalista, recordando que, segundo os últimos datos do Inventario Forestal, hai xa no País 438.000 hectáreas desta especie, máis do dobre do previsto pola Xunta para 2032.

E, malia iso, o PP usa a lei omnibus para permitir que “onde había piñeiro vai haber eucalipto e que se a terra xa non vale para seguir repoboando, porque esta especie é o que ten, pois podes plantalos noutro sitio, onde máis che conveña”, subliñou Rodil que, fronte ao modelo de Rueda, defendeu a alternativa do BNG: un monte produtivo no que se aposte pola multifuncionalidade, a variedade das especies autóctonas e a xeración de valor engadido, e no que se contemple tamén a recuperación da superficie agraria para poñela a disposición do sector primario.

O lobby eléctrico manda, o PP obedece

Xunto ás pasteiras, o lobby eléctrico é o “grandísimo beneficiado”, como xa o foi nos últimos anos, da Lei de Acompañamento, que modifica a norma actual para quitar máis obstáculos  á implantación de parques eólicos e das infraestruturas de evacuación. “Proxectos eólicos por riba das directrices das paisaxe”, sintetizou a deputada do Bloque, lembrando que existen varios proxectos de muíños con informes negativos na Serra do Suído polo seu impacto paisaxístico, e que hai tamén algún outro con paralización cautelar do TSXG tamén en base á protección da paisaxe.  

“A patronal queixouse e o PP, que está desatado e xa non respecta nin a máxima instancia xudicial de Galiza, te lo afina con esta reforma. O lobby manda e o PP obedece”, expuxo Rodil, quen acusou o Goberno de Rueda de “utilizar unha necesidade, como é a transición enerxética e a descarbonización, como un cabo de Troia para seguir engordando a un puñado de empresas a costa dos recursos naturais de Galiza, do territorio e da xente que vive nel”.

Habitacións para as e os conselleiros máis grandes que a túa casa

O BNG fundamenta tamén o seu rexeitamento á Lei de Acompañamento nos cambios que se introducen na Lei de Vivenda. No medio dunha crise habitacional sen precedentes, o que fai o PP, segundo explicou Rodil, é “favorecer que haxa inversores e promotores que poidan facer un grande negocio ofrecendo minipisos a prezos abusivos de mercado”.

“Latas de sardiñas, esa é a grande aposta inmobiliaria do PP”, sostivo a viceportavoz nacionalista en relación aos aloxamentos compartidos, “un novo paraugas para permitir promocións inmobiliarias por debaixo dos estándares de habitabilidade actual”.

Entre outros exemplos, referiuse a diminución de superficie, de maneira que se até o de agora non se podían construír vivendas de menos de 40 m², a partir desta lei poderá facerse con tan só 30 m², cunha praza de aparcamento por cada 5 vivendas. Se agora unha vivenda dun dormitorio debe ter polo menos 45 m², poderá ter 31 m² nos aloxamentos compartidos; e no caso de dúas habitacións, o mínimo pasa de 56 m² a 38. “Iso si, cando o PP se vai retiro escolle unha habitación máis grande para o cada conselleiro ou conselleira que a túa casa”, censurou.

No que ten que ver coa vivenda, Rodil criticou ademais que coa reforma do PP o acceso á VPA (pisos de protección autonómica) en aluguer pasará a depender da promotora do inmoble. Deste xeito, desaparece o sorteo público e será a promotora a que escolla os inquilinos, cos riscos que iso supón de discrecionalidade no reparto de pisos que reciben subvencións públicas para ser construídos de até 50.000 euros.

Lei de incendios, once reformas xa

A viceportavoz nacionalista insistiu no espírito antidemocrático que rodea o uso que o PP fai da Lei de Acompañamento tamén para modificar a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, norma do 2007 que xa sufriu 11 reformas, oito delas “pola porta de atrás” se se conta a deste ano, que é para redactar por oitava vez o artigo que regula as franxas de protección. “Esa é a seguridade xurídica que ofrece o PP”, ironizou.

Sobre o control político, rexeitou que o PP elimine a través da lei omnibus a representación da oposición no Consello Galego de Estatística, que se “fulmine” á Valedora da Comisión de Transparencia  —que pasa ao Consello Consultivo, onde a Xunta ten máis mando—  ou que se cambie o decreto que regula as Medallas de Galiza para que Rueda llas entregue “a quen lle da a gana e punto”.