BNG rexeita centralizar os fondos europeos e esixe defender as políticas de cohesión, agricultura e pesca

Ana Miranda
Ana Miranda defende na Eurocámara que os vindeiros orzamentos da UE non avancen na centralización dos fondos, mentres Bruxelas está a apostar por recortes nas partidas das políticas tradicionais de Cohesión, de Agricultura e Gandaría (PAC) e de Pesca.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, aposta no peche do curso político do Parlamento Europeo porque o vindeiro Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea, para o período 2028-2034, manteña os fondos das Políticas de Cohesión, da Política Agraria Común (PAC) e da Políticas Pesqueira Común (PEC) e que non sufran recortes en prol das partidas de Defensa, para a militarización e un maior control migratorio.

Como membro da Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, Ana Miranda tamén demanda frear a deriva centralista nos vindeiros orzamentos comunitarios, que acadarán os 1,7 billóns de euros. As propostas actuais da Comisión Europea e do Consello integran as actuais políticas de desenvolvemento rexional e para os sectores agrario, gandeiro e pesqueiro en Plans Estatais controlados polas capitais e supervisados por Bruxelas.

A chamada da representante do BNG é unha apelación á unión das forzas progresistas na Eurocámara na defensa das partidas de Cohesión, que segundo as propostas de Bruxelas quedarían con 410.000 millóns de euros. En termos reais é un 15% menos. “No BNG levamos denunciando estes recortes dende que se presentaron o ano pasado, por mor do seu grave impacto en Galiza, tal como anunciei coa nosa portavoz nacional, Ana Pontón, mentres vemos a pasividade do Goberno de Rueda ante a vontade da señora Von der Leyen”, denuncia Ana Miranda.

O BNG pide non recortar fondos da PAC e da Pesca

O recorte para a Política Agraria Común (PAC) é aínda maior nas proposta da Comisión e na última do Consello. A PAC recibiría 300.000 millóns para o período 2028-2034, preto de 90.000 millóns de euros menos para todo o período deses sete anos, co agravante de que as e os agricultores e gandeiros galegos só obterán apoios directos á súa renda, mais non subvencións para a modernización das explotacións, para a dixitalización ou axudas ao relevo xeracional, como até agora, porque se elimina o segundo Pilar de PAC, os cartos do FEADER.

“Presentamos emendas na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo para evitar que se perdan os fondos de desenvolvemento para Galiza, para a prevención dos lumes e para apoiar ás pequenas explotacións agrarias”, advirte a eurodeputada do BNG.

O sector pesqueiro e marisqueiro é o máis afectado polas propostas da Comisión Europea e a que se negocia actualmente dentro do Consello para o vindeiro Marco Financeiro Plurianual do 2028-2034. O Fondo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) desaparecería e a Comisión Von der Leyen recortaría os seus 6.100 millóns de euros actuais para deixalos só en 2.000 millóns de euros adicados a todo o sector.

O BNG quere manter o FEMPA, sempre que se adique ao sector pesqueiro, ás súas necesidades e que a execución deses fondos sexa fiscalizada. “Até o de agora os sucesivos gobernos do PP empregaron estes fondos sen ter en conta a situación das mariscadoras ou as necesidades da flota artesanal”, critica Ana Miranda.