BNG rexeita o acordo UE-Mercosur e mostra en Lugo o apoio a gandeiros e agricultores mobilizados

Mobilización Mercosur

Néstor Rego sinala PP e PSOE por votaren a favor do acordo e denuncia o cinismo político dos populares que pretenden enganar o sector

O deputado nacionalista traslada en Lugo o apoio do BNG ás mobilizacións do sector primario contra un acordo que ameaza a supervivencia do agro galego

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, desprazouse até Lugo para trasladar o apoio da organización nacionalista as gandeiras e agricultores que levan máis dunha semana concentrados no entorno da muralla, mobilizados contra o acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur, un tratado que o BNG considera “profundamente lesivo para o sector primario galego e para o conxunto da economía produtiva do País”.

Durante a súa visita, Rego estivo acompañado polos deputados no Parlamento de Galiza, Montserrat Valcárcel e Secundino Fernández, os deputados provinciais, Efrén Castro e Iria Castro, os concelleiros Alexandre Penas, Tareixa Antía Ferreiro e Iria Buide, ademais de Elvira Lombao

O deputado nacionalista cualifica o acordo como “un novo golpe ao campo galego, que se suma a unha situación xa límite provocada polo incremento de custos, os recortes previstos nos fondos da PAC para destinalos a investimento militar e a falta de protección real ás pequenas e medianas explotacións”. “O que está en xogo non é un debate teórico, senón a supervivencia de millares de explotacións e dun modelo produtivo socialmente xusto, ambientalmente sustentábel e ligado ao territorio” afirma.

Néstor Rego

Rego advirte que o acordo UE-Mercosur permitirá a entrada masiva de produtos agrarios e gandeiros procedentes de América do Sur, elaborados en condicións que non cumpren cos estándares ambientais, sanitarios nin laborais que se lles exixe ás produtoras e produtores galegos. “É unha competencia desleal en toda regra” denuncia.

Complicidade de PP e PSOE e o cinismo político dos populares

Néstor Rego sinala directamente a responsabilidade compartida de PSOE e PP no apoio e impulso do acordo, “aínda que resulta especialmente grave o papel do Partido Popular, que agora pretende presentarse como defensor do campo mentres foi un dos grandes promotores deste tratado tanto en Bruxelas como no Estado español”.

“O PP actúa con absoluto cinismo: alentou durante anos a sinatura do acordo Mercosur, pediu mesmo que o Estado liderase a súa aprobación e agora tenta capitalizar o malestar do sector agrogandeiro cun discurso oportunista e falso” afirma Rego. Ao tempo, criticou que o PSOE “manteña unha posición submisa ás lóxicas dos grandes intereses económicos e xeopolíticos, sacrificando, máis unha vez, o campo galego e empregándoo como moeda de cambio”.

O deputado nacionalista subliña que o acordo vai na dirección contraria aos obxectivos que din defender as institucións europeas e os gobernos estatais. “Non se pode falar de sustentabilidade, de loita contra o cambio climático ou de soberanía alimentar mentres se impulsan macro acordos comerciais que fomentan o monocultivo intensivo, o transporte intercontinental de alimentos e a desaparición da produción de proximidade”, advertiu.

Defensa do agro galego e compromiso do BNG

Rego reitera o compromiso do BNG de seguir combatendo o acordo UE-Mercosur en todas as institucións, tanto nas Cortes do Estado, no Parlamento de Galiza como no Parlamento Europeo, e de exixir que calquera tratado comercial respecte os sectores produtivos galegos. “O que fai falta é favorecer o consumo de produtos locais, garantir prezos xustos e asegurar que quen produce aquí poida vivir dignamente do seu traballo” sinala o deputado nacionalista.

 “As gandeiras e agricultores están dando unha lección de dignidade e de defensa do futuro do rural. O BNG estará ao seu lado, dentro e fóra das institucións, porque a defensa do noso campo non é negociábel” conclúe.