BNG require a Transportes a reparación inmediata das estradas de Arzúa afectadas polas obras da A-54
Néstor Rego exixe ao Goberno asumir a súa responsabilidade polos danos causados ante o tránsito continuado de maquinaria pesada
O deputado do BNG no Congreso reclama a Transportes atender as solicitudes realizadas polo Concello de Arzúa e as demandas formuladas polo goberno municipal
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado asumir a súa responsabilidade polos danos causados nas estradas e infraestruturas viarias municipais de Arzúa como consecuencia das obras da A-54. Demanda ao Ministerio de Transportes que recoñeza o deterioro sufrido pola rede viaria local debido ao tránsito continuado de maquinaria pesada vinculada á construción da autovía e que asuma a reparación e reconstrución das infraestruturas afectadas.
Néstor Rego lembra que o Concello de Arzúa xa solicitou de maneira oficial e inmediata unha reunión co Ministerio de Transportes para avaliar os danos existentes e acordar medidas concretas para a súa reposición. Así, unha grande parte da rede viaria municipal próxima ás obras da A-54, presentan fochancas e graves desperfectos, destacando especialmente o derrube da ponte de Maroxo como consecuencia do tránsito continuado de maquinaria pesada. Neste sentido, o deputado nacionalista require o compromiso de Transportes para materializar a reunión e proceder a reparación das vías danadas.
O deputado nacionalista tamén exixe ao Goberno facer público e trasladar ao Concello un cronograma actualizado sobre a finalización das obras e a apertura total da A-54, poñendo fin á falta de información que denuncia a administración local.
“É necesario que o Ministerio elabore un informe técnico sobre o estado das infraestruturas danadas e estableza canles de colaboración coa administración local para garantir os recursos necesarios para a súa reparación” afirma Rego Candamil.
Finalmente, o BNG demanda o establecemento de canles estábeis de diálogo co Concello para garantir a colaboración económica do Estado na reparación de todos os desperfectos ocasionados polas obras e a posta en marcha dun plan extraordinario de seguranza viaria nas zonas afectadas.
“É evidente que se unha infraestrutura estatal provocou estes danos, corresponde ao Estado asumir os custos da súa reparación e responder ás demandas lexítimas do Concello e da veciñanza de Arzúa” finda Néstor Rego.