BNG require ao Goberno transparencia, planificación e o fin da “saturación hidroeléctrica” na Galiza

Carme da Silva

Carme da Silva Méndez demanda toda a información sobre os proxectos de centrais hidroeléctricas de bombeo na Galiza e os fondos públicos concedidos

A senadora do BNG denuncia a conivencia das administraciónSenads e as empresas para seguir mantendo á Galiza como unha zona de sacrificio permanente

A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, demanda ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico información completada, detallada e actualizada dos expedientes en tramitación dos proxectos de centrais hidroeléctricas reversíbeis –bombeo- que se queren instalar na Galiza, así como sobre as autorizacións, desestimacións e os fondos públicos xa outorgados a ditos proxectos.

Ante a “expansión descontrolada de macroproxectos impulsados por grandes eléctricas como Naturgy e Iberdrola” o BNG sinala que o Ministerio para a Transición Ecolóxica está a tramitar diversos proxectos de grande envergadura en diferentes concas hidrográficas entre elas, actuacións en Belesar, Conso, Meirama, As Pontes, Tambre ou Xistral.

Sen avaliación global e mantendo á Galiza como zona de sacrificio

Carme da Silva sinala que a combinación de parques eólicos terrestres e mariños que se están a proxectar en territorio galego xunto coa expansión de centrais hidráulicas reversíbeis “está xeran unha presión insostíbel sobre os recursos naturais da Galiza”. As administracións, continúa, “están ignorando sistematicamente o principio de precaución” polo que reclama “unha avaliación integral dos impactos acumulados e unha planificación real e racional en coordinación coa Xunta de Galiza”.

“O actual modelo que están a impulsar as administracións competentes mantén de novo ao noso País como un espazo de produción enerxética intensiva sen retorno económico, social nin ambiental para a Galiza” enfatiza Carme da Silva Méndez. A senadora do BNG insiste en que o Estado non pode seguir actuando como facilitador de grandes operacións empresariais. “A Galiza non pode ser unha zona de sacrificio permanente ao servizo do mercado eléctrico” exixe.

Transparencia nos procedementos e racionalidade

A organización nacionalista pon o foco tamén na utilización de fondos públicos para financiar estas infraestruturas e exemplifícao en dous casos: a central de bombeo de Belesar III, promovida por Naturgy, que recibiu 48 millóns de euros de financiamento público “e que aínda o Goberno no explicou nin xustificou por que os percibiu”; e o proxecto de Meirama (As Encrobas), adxudicado a Coventina Renovables, con 30 millóns de euros de axuda pública.

“Queremos información detallada de todos os proxectos que están en tramitación, así como a publicación detalladas das autorizacións e desestimacións dos últimos anos e unha relación completa dos proxectos financiados con fondos públicos e os criterios para esta asignación” demanda a senadora nacionalista.

Do mesmo xeito, Carme da Silva exixe unha avaliación ambiental acumulada real das concas hidrográficas galegas e unha moratoria ou revisión dos proxectos que contribúan á saturación do territorio.