BNG reproba á Xunta no Parlamento que redirixa fondos que están orzamentados para programas de promoción do galego

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas critica a incapacidade ou incompetencia do Goberno do PP para desenvolver un proxecto lingüístico acorde ás necesidades do País

O BNG denunciou no Parlamento galego o recorte de case un millón de euros na partida orzamentaria da Xunta destinada a programas de promoción do galego que foi redirixida da Secretaría Xeral de Política Lingüística á Secretaría Xeral de Medios para destinala a axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión (790.000 euros) e axudas para publicacións en galego normativo (160.000 euros).

Nunha pregunta en comisión parlamentaria, a portavoz nacionalista de Cultura, Mercedes Queixas, pediu explicacións ao secretario xeral de Política Lingüística sobre esta transferencia de crédito que supón detraer case 1 millón de euros dunha partida “absolutamente relevante que debe ser un dos eixos fundamentais da política lingüística da Xunta” e cuestionou se este movemento orzamentario implicará mudanzas para atender a promoción do galego ou esta área “queda aínda un pouco máis desasistida ao perder este capital”.

Para Queixas, esta transferencia reflicte a maneira na que se detraen fondos da Secretaría Xeral de Política Lingüística, segundo advertiu, “ou por incapacidade ou incompetencia para desenvolver un proxecto lingüístico ambicioso e acorde ao que se necesita ou simplemente porque non hai proxecto”.

Neste sentido, advertiu que abonda con revisar a memoria que acompaña os Orzamentos 2022, na que se evidencia a política rutineira, repetitiva e de “copia e pega” no ámbito lingüístico por parte do Goberno do PP, ano tras ano. De feito, da resposta do secretario xeral, ao seu xuízo, quedou claro que esta é unha transferencia de crédito habitual e ordinaria: “é dicir -recalcou- que temos razón dende o BNG cando dicimos que os orzamentos son unha rutina e un copia e pega dun ano para outro”.

A deputada nacionalista considerou importante a axuda ao uso do galego nos medios de comunicación, mais reprochou o conformismo de considerar un éxito que nesta convocatoria se elevase do 8 ao 10% o requisito no emprego da lingua galega, “porque xa sabemos da irrelevancia que isto significa na presenza do galego no día a día dos medios de comunicación”. “De feito, recentemente o único medio diario en galego quedou excluído da convocatoria da Xunta; igual é que se penaliza por superar ese 10%”, reprobou con ironía.

Logo de afear ao director xeral que exercera nesta comparecencia máis como director xeral de Medios que de Política Lingüística, Queixas reclamoulle a “mesma ansia” para cumprir o Plan Xeral de Normalización Lingüística da Lingua Galega e a Lei de Normalización Lingüística en todos os ámbitos, nomeadamente no ensino, onde segundo recriminou, “se está cometendo unha ilegalidade e se están incumprindo todos os preceptos de normalización lingüística”. “Seguimos mantendo a esperanza de que comecen a virar esta política practicamente de exclusión do galego na educación ou, cando menos, de fomento dunha escola desgaleguizadora”, concluíu.   
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG