BNG reivindica en Sarria ser “a única forza que defende con firmeza os intereses dos galegos e galegas”
Néstor Rego e Mónica López coinciden: “cando o BNG ten forza institucional, Galiza gaña en investimentos, en dereitos sociais, en servizos públicos e en dignidade”
A organización nacionalista desenvolve un acto público para render contas ante a veciñanza e trasladar todo o conseguido neste tempo nas Cortes do Estado
O Bloque Nacionalista Galego desenvolveu un acto aberto á veciñanza de Sarria para dar a coñecer de maneira detallada o traballo que a organización nacionalista vén realizando nas Cortes do Estado, unha actividade intensa e que demostra que a presenza do BNG en Madrid se traduce en melloras reais para as galegas e galegos sendo a única forza política que defende os intereses da Galiza.
Durante o encontro, conducido pola concelleira do BNG en Sarria, Mónica López, e que contou coa presenza do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, foi destacado que o Bloque Nacionalista Galego é hoxe a única forza política que defende “de maneira clara, coherente e sen subordinacións, os intereses dos galegos e galegas frente á pasividade dos partidos estatais coas cuestión importantes para o futuro da Galiza, priorizando as directrices de Madrid –Xénova e Ferraz- antes que as necesidades do país”.
Na súa intervención, Néstor Rego fixo unha ampla exposición dos avances logrados polo BNG no Congreso, salientando especialmente aqueles que teñen un impacto directo en Lugo e no conxunto da Galiza. Neste sentido, destacou a modernización e electrificación da vía ferroviaria entre Ourense e Lugo, unha demanda histórica pola que o BNG leva anos loitando e que permitirá mellorar a mobilidade ferroviaria, reducindo tempos de viaxe e garantindo un transporte público digno.
O deputado nacionalista destacou tamén o impulso dado polo BNG para a mellora da rede ferroviaria interna da Galiza, subliñando a importancia do desbloqueo e a axilización para a liña ferroviaria entre Lugo e Santiago, e a implementación das cercanías ferroviarias nas principais cidades, esencial para a vertebración territorial, mellorar o acceso aos servizos públicos e axudar a fixarmos poboación no interior.
En materia social, Rego incidiu en que a acción do BNG no Congreso foi determinante para avanzar en dereitos e mellorar as condicións de vida da xente. Entre estes avances, destacou a suba das pensións, especialmente das mínimas, unha medida de enorme relevancia para Lugo, ao tratarse dun dos territorios onde a pensión media é máis baixa. “Cada euro que sobe unha pensión mínima é unha mellora directa para milleiros de veciñas e veciños” sinalou, lembrando que estas conquistas non serían posíbeis sen a presión e a negociación do BNG.
Do mesmo xeito, puxo en valor a ampliación dos permisos por maternidade e paternidade, que actualmente xa se sitúa en 19 semanas e avanza cara ás 20 semanas acordadas polo BNG: “un paso máis na defensa da conciliación, da igualdade e dos dereitos laborais”.
En contra da proposta do Goberno, a favor da Galiza sempre
Néstor Rego tamén foi claro ao afirmar que o BNG seguirá centrando os seus esforzos en garantir un sistema de financiamento xusto para a Galiza, baseado no concerto económico, que permita ao país xestionar os seus propios recursos e contar cos medios necesarios para prestar servizos públicos de calidade. Neste marco, rexeitou con contundencia a proposta do Goberno do Estado sobre o financiamento autonómico, que cualificou de “inxusta e lesiva” ao perpetuar un modelo que discrimina a Galiza.
Así mesmo, anunciou que o BNG continuará defendendo nas Cortes un financiamento xusto para os concellos galegos, frente ao seu actual infrafinanciamento, unha realidade que afecta directamente á capacidade dos municipios para atender as necesidades da veciñanza. Rego lembrou que esta reclamación xa foi levada a debate e votación no Congreso por iniciativa do BNG, demostrando unha vez máis que é a única forza que leva a voz do municipalismo galego a Madrid.
A única forza que defende Sarria e a Galiza: o BNG
Pola súa banda, a concelleira Mónica López salientou a importancia de actos como o celebrado en Sarria para facer pedagoxía e explicar que “cada avance conseguido polo BNG é froito de ter voz propia, firme e sen obediencia a Madrid”. López subliñou que a organización nacionalista é a única garantía de que os problemas reais da veciñanza de Sarria e da comarca se escoiten nas institucións estatais.
Ambos coincidiron en lanzar unha mensaxe clara: “cando o BNG ten forza institucional, Galiza gaña”. Gaña en investimentos, gaña en dereitos sociais, gaña en servizos públicos e gaña en dignidade. “O BNG non vén prometer, vén demostrar con feitos que defender a Galiza serve e dá resultados” concluíron.