BNG reivindica dende O Condado, A Paradanta e A Loruiña unha estratexia europea de mobilidade para o sur de Galiza
A eurodeputada Ana Miranda defende potenciar as liñas ferroviarias de viaxeiros e mercadorías para as comarcas de O Condado, A Paradanta e A Louriña nunha xornada de traballo en Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo, Crecente, A Caniza e Ponteareas.
O BNG aposta para este territorio por un extenso plan de mobilidade e transporte público, conectividade e cohesión territorial grazas ao financiamento europeo
A eurodeputada do BNG Ana Miranda participou nunha xornada de traballo xunto con representantes nacionalistas de Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo, Crecente, A Caniza e Ponteareas, para coñecer sobre o terreo as principais necesidades en materia de mobilidade, infraestruturas e conectividade destas comarcas e trasladalas ao ámbito europeo ante as vindeiras convocatorias de financiamento na UE.
Na visita participaron Patricia Mariño Rodríguez, por Salvaterra de Miño; Diego Prieto Gago, por Arbo; Luís López Lobariñas, por Crecente; Trini Pérez-Labaca Diz, por A Caniza; e Cristina Fernández Dávila, por Ponteareas, entre outras persoas. O BNG defende que O Condado, A Paradanta e A Louriña se entendan como un mesmo territorio na planificación dos investimentos europeos, grazas a súa potencialidade como espazo estratéxico entre a área metropolitana de Vigo, o interior de Galiza e o norte de Portugal.
Durante as paradas en Salvaterra de Miño, a PLISAN, As Neves, Arbo, Crecente e A Caniza, trasladouse a necesidade de pór en valor a liña ferroviaria internacional, recuperando o transporte de viaxeiros con frecuencias suficientes, sen renunciar ao seu importante papel no transporte de mercadorías. Actuacións como a Saída Sur ferroviaria de Vigo, a conexión con Ourense e Portugal e o conxunto do Corredor Atlántico Europeo, grazas ás emendas do BNG aprobadas no Parlamento Europeo, poderían ser financiadas con fondos do Mecanismo Conectar Europea.
Ana Miranda destaca que “durante a visita xunto as representantes do BNG puidemos comprobar a discriminación que sofren estas localidades, con vías ferroviarias en desuso ou unha PLISAN que leva vinte e seis anos de atrasos. Como eurodeputada conseguín que estas demandas traballadas conxuntamente fosen aprobadas por unanimidade no Parlamento Europeo e agora queremos ver que conten en orzamentos. O Goberno do Estado e a Xunta de Galiza deben implicarse para conseguilos”.
Impulso a Plisan e un amplo plan de mobilidade e conectividade
A nova ponte internacional da PLISAN, chamada a absorber tráfico pesado que circula pola ponte internacional entre Salvaterra de Miño e Monção, debe ser outro dos proxectos prioritarios con financiamento europeo. O BNG pon en valor o desenvolvemento da conexión intermodal de mercadorías prevista na PLISAN, como elemento estratéxico para a actividade loxística e industrial do sur de Galiza, e aposta por crear un punto intermodal para o transporte de viaxeiros, garantindo a conexión do tren cos servizos de transporte por estrada, ao tempo que se ofrecen alternativas de mobilidade modernas e sostibles.
Durante a xornada, a eurodeputada Ana Miranda e os representantes do BNG nas comarcas trataron a necesidade dun amplo plan con melloras nas comunicacións locais, reforzando o transporte público entre concellos e con conexións eficaces. A formación nacionalista defenderá ante as institucións galegas, estatais e europeas que o sur de Galiza non quede á marxe dos grandes corredores de transporte, así como impulsar a conectividade dixital para atender as necesidades da poboación, especialmente das persoas maiores e a mocidade, para favorecer o relevo xeracional. Segundo Ana Miranda, “o futuro do Condado, A Paradanta e A Louriña pasa por unha planificación conxunta que sitúe este territorio como unha prioridade nas políticas europeas de mobilidade e cohesión territorial”.
Estas actuacións son imprescindibles para fixar poboación no rural, especialmente en concellos como Arbo, Crecente, Covelo e A Caniza, onde o reto demográfico é máis acusado.