O BNG recrimina á Xunta a súa inacción en materia de discapacidade, incapaz de cumprir a lei de accesibilidade

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil reprocha a Política Social o seu relato autocompracente cando, oito anos despois, segue sen aprobar o decreto para desenvolver a lei

“Lista de agarda de 13.000 persoas para que se lles recoñeza o seu grao de discapacidade e vostede vén falar de algodón de azucre”, afeou á conselleira  

O BNG recriminou o relato autocompracente que a conselleira de Política Social empregou durante a súa comparecencia parlamentaria sobre políticas inclusivas para a discapacidade, cando nin sequera  “está a cumprir a Lei de accesibilidade de 2014”, incapaz de aprobar “en oito anos o decreto que debe desenvolver o previsto na normativa” e cando, a día de hoxe, case 13.000 galegos e galegas continúan “na listaxe de espera para a valoración e recoñecemento da súa discapacidade e, polo tanto, agardando para poder acceder aos recursos e servizos que precisan”.

Así o asegurou a portavoz nacionalista de Dereitos Sociais, Olalla Rodil, logo da comparecencia na Cámara da titular de Política Social, á que tamén lle recordou que “levamos cun plan de traballo na comisión non permanente de discapacidade deste Parlamento que non remata nunca, que se constituíu hai xa 10 anos e que en catro lexislaturas non foi capaz de facer nin un só ditame, sen capacidade para sacar adiante os obxectivos dese primeiro plan de traballo aprobado por unanimidade en 2014”.

Logo de asumir o compromiso para axilizar a proposta de ditame do BNG nesta comisión parlamentaria, Rodil recriminou á conselleira a “actitude inadmisible da Xunta, porque escoitándoa a vostede parece que vivimos no mundo do unicornio e do algodón de azucre, pero non é verdade porque non garanten dereitos e moito menos servizos e recursos que necesitan”. “Son un goberno sen impulso normativo nin na acción de goberno”, reprochou, logo de advertir que o groso do proxecto do decreto pendente de aprobar “tiña partes que viñan cortadas e pegadas dunha orde de 2011” e contiña medidas centradas maioritariamente en garantir a accesibilidade física.

Así pois, invitou a unha necesaria reflexión, xa que, segundo recalcou, “estamos como hai 20 anos”, debatendo medidas para garantir que unha persoa poida saír do seu domicilio ou moverse pola rúa: “non é que vaiamos tarde, é que levamos décadas negándolles dereitos fundamentais a persoas que aínda a día de hoxe non poden facer algo tan básico como poder entrar e saír da súa casa”, alertou.

Neste sentido, incidiu na obriga que ten a Administración de “ir máis alá de ser inclusivas no ámbito físico ou no ámbito arquitectónico”, xa que “nin sequera se fala dunha inclusión cognitiva”, e recordou que “hai moitísimas mulleres que nunca tiveron unha revisión xinecolóxica porque non temos protocolos sanitarios adaptados a mulleres con discapacidade cognitiva” ou, en xuño de 2022 e con acordos parlamentarios unánimes neste sentido impulsados polo BNG, “nin sequera temos intérpretes de signos no sistema sanitario público deste País e aínda estamos falando de facer decretos para suprimir barreiras arquitectónicas”.

A viceportavoz parlamentaria do BNG apuntou tamén que para promover a accesibilidade física, arquitectónica, pero que tamén sexa cognitiva e social o que se precisan son medidas concretas e medibles que garantan eses dereitos e tamén o cumprimento da lei. “Porque temos unha lei de 2014 que di que hai que facer un plan de accesibilidade, dous anos dende a aprobación da lei e non temos nin sequera o primeiro oito anos despois”, incidiu, logo de sinalar que tampouco hai regulación normativa sobre as condicións que deben ter os centros para persoas con discapacidade, o modelo de atención a prestar ou os recursos e perfís profesionais que se precisan.

Segundo Rodil, hoxe en día estanse negando os dereitos das persoas con discapacidade non só pola vía do incumprimento reiterado e consciente da lei, senón tamén polas listas de agarda e que en pleno 2022 son 13.000 persoas agardando para ter a valoración e recoñecemento do seu grao de discapacidade. “Trece mil persoas ás que se lles nega non só os seus dereitos fundamentais, senón o acceso aos recursos e servizos que necesitan e que, logo de ver recoñecido o seu grao de discapacidade, entran no limbo do programa de asignación de recursos e poden botar anos esperando para acceder aos servizos que necesitan”, recalcou.

Para a deputada nacionalista, os dereitos fundamentais das persoas con discapacidade “o que esixen é investimento, planificación e o cumprimento das leis que hai ademais do impulso doutras” porque, segundo concluíu, “a día de hoxe, neste País, non se está a garantir nin a inclusión social nin a accesibilidade universal, nin a disposición dos medios necesarios para levar a cabo o proxecto de vida independente ao que todas as persoas temos dereito”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG