BNG recrimina á Xunta que siga instalada nos "anuncios" e non concrete medidas reais para rescatar a Atención Primaria

Montserrat Prado
Montserrat Prado
Montse Prado reclama compromisos orzamentarios, de profesionais e tempos efectivos e propón un paquete de medidas factible no inmediato

“O que fixo vostede hoxe aquí foi unha recompilación do que leva anunciando a Consellería de Sanidade e o conxunto da Xunta do PP por distintas voces dende hai anos, pero non anunciou absolutamente ningunha medida que permita sacar á Atención Primara do pozo no que se atopa”. Con esta rotundidade respondeu a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, á directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, na súa comparecencia ante a comisión parlamentaria de Sanidade.

Prado criticou que o Goberno do PP siga instalado “na diagnose” porque “non é tempo de diagnose, senón tempo de actuar” ante o grave deterioro no que se atopa a Atención Primaria, “con masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais e ausencia de substitucións, listas de espera de ata dúas semanas para recibir unha cita telefónica cando son características fundamentais do que é o primeiro nivel da asistencia sanitaria precisamente a accesibilidade, a proximidade e a inmediatez”, reprobou.  

Prado afeou o relatorio da directora xeral por indicar obxectivos a alcanzar sen concretar medidas para conseguilos. “O que vostede formula non son propostas cribles porque, ademais de que xa están anunciadas de antes, non teñen credibilidade porque carecen dos compromisos precisos para facelas efectivas”, reprochou, para a continuación reclamar “un compromiso de orzamento, un compromiso de calendario de implantación, un compromiso de cambios lexislativos nos casos nos que son necesarios”.

Neste sentido, a portavoz nacionalista de Sanidade instou ao Executivo de Núñez Feixóo a asumir as peticións dos colectivos profesionais nas distintas comisións de traballo do Consello Técnico de Atención Primaria e que pasan, entre outras, por activar a carteira de servizos en todas as categorías profesionais para poder descolapsar as axendas das e dos médicos de familia.  

Unha das medidas propostas tamén polo BNG e á que Prado engadiu tamén, entre outras, e como solucións que se poden implementar “xa no inmediato”, a creación de equipas multidisciplinares e a incorporación á carteira de servizos da Atención Primaria de categorías profesionais como as de psicoloxía clínica, terapia ocupacional, podoloxía, logopedia, podoloxía ou traballo social, perfís dispoñibles nas listas de contratación e que contribuirían a descolapsar os consultorios. “O 30% das consultas teñen que ver coa saúde mental”, exemplificou para concretar como esta medida contribuiría a desconxestionar as axendas das e dos facultativos de familia.   

Así mesmo, tamén apuntou ao desenvolvemento dun Plan de Recursos Humanos, á recuperación das xerencias de Atención Primaria e, por suposto, a un compromiso orzamentario real, que pasaría por un investimento inicial de 200 millóns -“poden empregar en canto sexa efectiva a devolución do IVE” que o Estado devolverá pola recadación de 2017, apuntou- e que se iría incrementando ata alcanzar o 25%, porcentaxe sobre o presuposto sanitario global que as e os expertos estiman como necesario para que a Atención Primaria poida cumprir o seu papel chave dentro do sistema sanitario.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG