BNG recrimina á Xunta que se negue a concretar un ano despois nin o funcionamento nin os avances da sociedade Impulsa

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández critica a falta de transparencia sobre a firma encargada de desenvolver os proxectos galegos de reactivación con fondos Next Generation  

O portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, recriminou á Xunta no Parlamento galego que, algo máis dun ano despois da súa constitución, siga negándose a informar nin sobre o funcionamento, nin sobre os avances da sociedade Impulsa, firma constituída polo Goberno galego, Abanca, Reganosa e Sogama, co obxectivo de desenvolver os proxectos estratéxicos galegos de reactivación económica coa captación de fondos europeos Next Generation.

“Que non conteste absolutamente a ningunha das nosas preguntas e se limite a facer un resumo de varias notas de prensa que xa coñecíamos é unha auténtica falta de respecto; dada a importancia que a propia Xunta asigna a Impulsa, cabía agardar que a dación de contas e o nivel de transparencia para con este Parlamento estivesen á mesma altura”, reprochou con severidade ao director xeral do Igape, logo de que este eludise responder ás cuestións formuladas na Cámara polo BNG.

Fernández preguntou, primeiro, por como funciona exactamente Impulsa, se subcontrata parte do traballo que realiza e a quen, que custes operativos ten e a que corresponde o beneficio de 224.000 euros declarado no exercicio 2021, sen que o director xeral do Igape concretase ningunha destas cuestións.

E logo de advertir que a sociedade é “todo un misterio”, o deputado nacionalista repasou os 11 PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica) e tamén cuestionou polo número de proxectos nos que está traballando Impulsa -“se son 8 ou 354”, incidiu-, como están de avanzados, cantas e cales son as empresas comprometidas formalmente nestes proxectos e cal é o “feedback” que a sociedade está obtendo das reunións que mantén cos distintos organismos xestores dos PERTE, asuntos todos eles sobre os que tampouco obtivo resposta.

O deputado nacionalista tamén apuntou “certas cuestións que afectan a sectores estratéxicos da nosa economía e que chaman a atención” e, neste sentido, indicou que o sector da automoción, por exemplo, podería presentar proxectos a varios PERTE, entre eles loxicamente ao do vehículo eléctrico, do que, “segundo o propio Goberno galego, imos quedar fóra”.

Nesta liña, advertiu que, hoxe mesmo, anúnciase unha segunda fábrica de baterías no Estado, concretamente en Estremadura, e parece que desde Galiza desbótase a posibilidade de promover unha fábrica deste tipo. “Gustaríanos saber por que motivos; gustaríanos saber se Impulsa xoga algún papel nestes proxectos ou que papel xoga nese outro proxecto que en principio parece que vai ter máis éxito, o da UVIGO e a Zona Franca, co proxecto dos circuítos fotónicos para o PERTE dos microchips”, incidiu, para a continuación amosar a preocupación do Bloque ante a falta de proxectos para outros sectores estratéxicos como o naval, o agrogandeiro, o de almacenaxe de enerxía ou o de lingua.

Segundo recalcou, son sectores todos eles onde Galiza “ten necesidades evidentes, mais tamén grandes potencialidades, e non parece que o Goberno galego estea a impulsar nada nestes ámbitos. Por favor, desmíntanos; de verdade que desexamos que nos desminta, pero con seriedade, non con slogans nin con propaganda”, retou para concluír sen tampouco obter resposta neste sentido.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG