BNG reclamará no Congreso regular a relación laboral das persoas Asistentes Persoais

Néstor Rego

Néstor Rego defenderá na Comisión de Discapacidade da cámara baixa estabelecer unha normativa específica que recoñeza as particularidades da asistencia persoal e garanta os dereitos das persoas con discapacidade e das traballadoras

O Bloque Nacionalista Galego leva a debate e votación no Congreso unha iniciativa para instar o Goberno do Estado a regular xuridicamente a relación laboral entre as persoas con discapacidade e as persoas Asistentes Persoais. A proposta do BNG procura estabelecer con claridade os dereitos e obrigas de ambas partes contratantes, co obxectivo de garantir a seguridade xurídica e recoñecer as particularidades deste vínculo laboral. A iniciativa será debatida a vindeira quinta feira, 22 de maio, na Comisión de Discapacidade da cámara baixa.

A través desta iniciativa, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama unha normativa específica que poña fin ao actual baleiro legal e evite o encaixe forzado da figura da persoa Asistente Persoal noutras categorías laborais que “non responden á realidade do seu traballo”.

“A asistencia persoal non é equiparábel ao traballo doméstico nin tampouco ao traballo autónomo. Trátase dunha relación laboral con características propias que deben ser recoñecidas e reguladas como tal” salienta Rego. “Estamos ante unha ferramenta fundamental para garantir o dereito das persoas con discapacidade a unha vida autónoma, polo que require seguranza xurídica tanto para quen recibe a asistencia como para quen a presta.”

A actual prestación económica de asistencia persoal, recollida no artigo 19 da Lei 39/2006 de Promoción da Autonomía Persoal e Atención á Dependencia, está deseñada para facilitar a contratación de persoas Asistentes Persoais. Porén, a relación que se estabelece non encaixa nin no réxime do emprego do fogar familiar nin no do traballo autónomo, creando un escenario de inseguridade e indefinición xurídica.

Segundo o BNG, esta situación deriva en prácticas como a inscrición forzosa das persoas Asistentes Persoais no Réxime Especial de Autónomos, malia existir unha clara relación de dependencia e dirección por parte da persoa contratante.

“É urxente avanzar cara a unha regulación específica que recoñeza as particularidades da asistencia persoal: un traballo que vai moito máis alá do ámbito doméstico e que implica acompañamento e apoio en todos os espazos da vida cotiá, desde os desprazamentos ao posto de traballo ata o apoio nos estudos ou na vida social”, engade Rego.

O BNG propón que esta nova regulación laboral parta da fórmula do contrato indefinido, garantindo estabilidade e dereitos laborais básicos para as persoas traballadoras, así como un marco de actuación seguro para as persoas con discapacidade.