BNG reclámalle á Xunta de Rueda un transporte metropolitano para a comarca da Coruña que responda á demanda das e dos usuarios
A deputada do BNG no Parlamento, Iria Taibo, reclamoulle á Xunta de Rueda un transporte metropolitano para a comarca da Coruña que responda á demanda dos e das usuarias, adaptándose ás necesidades derivadas dos cambios sociais e de poboación e pediu un acceso máis moderno e actualizado para remitir información sobre o servizo en tempo real.
Na súa intervención na Comisión 2ª, Taibo explicou que as demandas dos concellos da zona coinciden en gran parte coas queixas da cidadanía, que se repiten desde hai meses: falta de información desactualizada ou inexistente, horarios insuficientes, especialmente nas primeiras e últimas horas do día, saturación do servizo, o que provoca que os autobuses non paren se non teñen espazo, ou liñas onde se están a utilizar vehículos inadecuados, como a liña que comunica co aeroporto, que conta ademais con menos prazas para poder facilitar o transporte das equipaxes.
Destacou o caso de Santa Cruz, Perillo ou Fonteculler onde o colapso do servizo provoca que haxa “paradas negras” en horas punta onde a xente queda fóra dos buses. Tamén fixo referencia á discriminación das persoas con problemas de mobilidade ou familias con carriños de bebé e que teñen que agardar polo seguinte autobús dispoñible. Tamén subliñou a falta de adaptación de horarios para acudir aos postos de traballo no Chuac ou a escaseza de buses directos aos polígonos ou á Universidade.
Recriminoulle á a directora xeral de Mobilidade da Xunta, Judit Fontenla que fale de que se están a facer estudos para crear unha liña entre Oleiros e a Universidade, porque xa hai vinte anos que se estaba a falar desa conexión. Tamén lle retrucou que as incidencias non son puntuais, porque “toda a comarca da Coruña coñece estes problemas” e as queixas “son recorrentes”.
Lamentou así mesmo que a cidadanía non poida fiscalizar os contratos coas concesionarias porque non existe acceso á información sobre os mesmos.
Incentivar o servizo público
A deputada nacionalista tamén preguntou polas medidas do Goberno galego á hora de fomentar o uso do transporte público, para o que “é fundamental protexer a súa utilidade”, recalcou. O BNG critica que o servizo está deseñado só para a comodidade da empresa, non para facilitar o seu uso por parte da cidadanía.
Taibo afirmou que as campañas para fomentar o uso do transporte público así como os bonos de transporte poden ser ben intencionadas, pero advertiu que “de nada serven se non van acompañados dun aumento significativo do servizo”. “Nin se adaptan os horarios nin as propias liñas”, sinalou.
Lembrou que a área metropolitana de transportes da Coruña é unha das máis grandes de Galiza, abarcando os concellos de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros, Sada, Carballo, A Laracha, Betanzos, Oza Cesuras, Curtis, Miño, Cerceda e Ordes. Sinalou que a grande cantidade de vehículos privados que transitan pola comarca a diario urxe unha solución para un transporte metropolitano público que funcione correctamente.