Parlamento Galego

BNG reclámalle á Xunta de Rueda dotar de neumólogos o Hospital de Valdeorras para tratar os casos de silicose na zona

ASILIVAL no Parlamento

O deputado Secundino Fernández considera un “abuso” obrigar as persoas afectadas pola doenza a desprazarse a Vigo, Ourense ou Oviedo para ser tratadas

Acusa o PP de ocultar os datos de mortes por silicose, cuxa afección en Galiza supón o 40 % do Estado, e que en Ourense constitúe o 60% do total do noso País

O deputado do BNG Secundino Fernández esixiulle no Parlamento ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, dotar de neumólogos o Hospital de Valdeorras para poder tratar na zona o elevado número de casos de silicose derivados fundamentalmente da actividade de extracción de lousa na zona, e cualificou de “abuso” obrigar as persoas afectadas pola doenza a desprazarse como mínimo a 120 km, a Ourense, Vigo ou Oviedo.

“Dígalle a José a Alejandro ou a Oscar, que están hoxe aquí e que son afectados pola silicose, que se despracen por esas estradas para poder ser atendidos a Oviedo a Ourense, a Vigo para que podan ser atendidos”. Non lle parece un abuso?” preguntou.

Fernández reclamoulle ao responsable de Sanidade centrar os esforzos no control, prevención e diagnóstico precoz desta enfermidade provocada pola inhalación de po de sílice no lugar de traballo, que non ten tratamento efectivo e que, unha vez detectada no paciente, este ten que ser apartado de xeito inmediato da fonte de exposición.

Ante a resposta do conselleiro, o deputado ourensán acusouno de dúas cousas “igual de nefastas”. A primeira, de ser un “inútil político” porque, cos orzamentos da Xunta, non é capaz de conseguir neumólogos para Valdeorras. A segunda, “aínda peor”, de incorrer “nunha neglixencia e nunha flagrante discriminación a Valdeorras” porque, podendo facelo, non quere.

Os datos “teimudos” que a Xunta oculta

Secundino Ferández criticou así mesmo que a Xunta do PP oculte os datos das mortes causadas por silicose en Galiza. Segundo afirmou, o informe da reemerxencia da silicose do Ministerio de Sanidade “indica claramente que esta matou 4.500 persoas nas últimas décadas”,  145 ao ano, advertindo que en Valdeorras o número de persoas afectadas pola enfermidade increméntase ano tras ano. Extrapolando os datos do Ministerio, suporían entre 15 e 20 falecidos na comarca de Valdeorras cada ano. “Os datos son moi teimudos, e teñen detrás persoas a pesares de que a Xunta do PP se empeña en ocultalos”, manifestou.

Afondando nas cifras, o deputado nacionalista botou man dos informes do Instituto de Silicose de Oviedo para subliñar a incidencia que ten a doenza en Ourense, cun 60% do total de Galiza, na súa maior parte concentrada no sector da lousa. En Valdeorras, a porcentaxe elévase até o 65 %. En Galiza rexístrase o 40 % dos casos do conxunto do Estado.

“Ano tras ano, a comarca de Valdeorras leva esa negra honra de ser a mais afectada; xa non de Galiza se non de todo o Estado”, lamentou, para acusar a continuación á Consellería de Sanidade de non facer nada, “nin sequera hai un neumólogo”, rematou.

Na súa quenda de preguntas no Pleno, o deputado ourensán quixo loubar o gran labor da Asociación de Afectados pola Silicose de Valdeorras (Asilival), e agradeceu a presenza dalgúns dos membros que seguiron a intervención desde unha sala do Parlamento.

 “Agradezo a súa loita para que as persoas afectadas por esta grave enfermidade profesional teñan atención médica na sanidade pública, no hospital de referencia para toda a comarca, no hospital de Valdeorras”, manifestou, engadindo que “a lousa xera riqueza pero tamén ten esta parte negra e perigosa para os traballadores e traballadoras”.

“Ano tras ano, a comarca de Valdeorras leva esa negra honra de ser a mais afectada; xa non de Galiza se non de todo o Estado”, lamentou, para acusar a continuación á Consellería de Sanidade de non facer nada, “nin sequera hai un neumólogo”, rematou.