BNG reclámalle á Xunta que os médicos de Atención Primaria poidan solicitar as probas diagnósticas da súa área sanitaria
Montse Prado asegura que non permitilo é un caso máis de como o PP desprestixia ao persoal médico de Primaria, que acaban marchando despavoridas e despavoridos
Indica que o acceso ás probas son determinantes para a diagnose precoz, a non cronificación, a prescrición de fármacos ou a derivación ao hospital
A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, reclamoulle ao Goberno Galego que arbitre todas as medidas precisas para que as e os profesionais de Atención Primaria poidan solicitar as probas diagnósticas dispoñíbeis na súa área sanitaria e a que estas sexan informadas polo persoal especialista correspondente”.
Denuncia que non se respecta o criterio dos e das facultativas de Atención Primaria nin a súa capacidade de decidir se unha persoa doente ten que ser vista por un especialista hospitalario, xa que é este o que decide se a petición de consulta feita desde o centro de saúde se atende ou non.
“Esiximos que deixen de secundarizar a Atención Primaria e de tratar os e as especialistas como se fosen menores de idade”, expresou. Acusou o PP de ocultar os datos dos e das profesionais que se formaron na AP e que logo abandonaron, recalcando que só quedaron un terzo deles.
“Fan a mesma formación de catro anos e polo tanto as súas competencias son absolutamente as mesmas, engadiu, engadindo que non é de estrañar que “marchen despavoridos” polas condicións nas que o PP na Xunta ten esta especialidade médica fundamental.
Prado sinalou que malia que a Atención Primaria resolve por riba do 80% dos procesos de saúde da poboación, nunha parte dos casos é preciso o acceso a probas complementarias para aumentar a precisión diagnóstica, axeitar os tratamentos ou axudar a realizar derivacións dirixidas, aforrando tempo e mellorando a efectividade. “Son determinantes para a práctica clínica, para o diagnóstico precoz, para a non cronificación, para a prescrición de determinados fármacos ou para a derivación ao hospital”, salientou.
Denunciou que, na teoría, os médicos dos centros de saúde poden solicitar probas diagnósticas, mais logo a realidade é que, por exemplo, resonancias magnéticas ou TAC, teñen protocolos moito máis restritivos para poder solicitalos que as peticións hospitalarias. “Poden solicitar probas diagnósticas, máis as solicitadas desde Atención Primaria teñen axendas diferentes, listas de espera máis altas (ecografías na Barbanza con demoras de 4/5/6 meses) e como norma non son informadas”, apuntou.
No caso das radiografías de probas musculoesqueléticas, dexenerativas ou traumatolóxicas, a deputada nacionalista indicou que non se realizan por defecto informes, e que nas de tórax tamén se está “a converter en norma o non informar”. Ademais, denunciou que é precisa a reiteración da petición de informe das probas, chegando mesmo a “pedir case por favor” que se lles informe.
“Son os especialistas de AP os que teñen os doentes diante, os que ven se adelgazaron nun tempo récord ou se teñen un nivel de palidez que indica que algo non vai ben”, pero “son os especialistas dos hospitais os e as que deciden se a petición procede ou non”, lamentou.
Prado fixo referencia a denuncias dalgúns profesionais que tiñan solicitado probas urxentes e que lles foron devoltas sen nin sequera miralas, e que tan só son atendidas cando o propio médico chama advertindo que se trata de un asunto de máxima urxencia.
Así mesmo, o BNG recibiu queixas de doentes que tiñan solicitadas ecografías e que, logo de non recibir noticias, acudiron ao médico de cabeceira para interesarse polo seu caso, descubrindo que desapareceran do sistema. “Esta é a situación”.
No mesmo sentido, Prado criticou que “e-consulta” que teoricamente tiña que servir para unha resposta inmediata (72 horas) está converténdose na vía predominante de solicitar consulta con especialistas hospitalarios con demoras de semanas ou meses.
Converter a “anormalidade” de non informar as probas na norma, non atender ou demorar as peticións de consulta, limitar as ferramentas de Atención Primaria para poder realizar diagnósticos coa mellor evidencia, ten, para a deputada nacionalista, consecuencias, como o atraso nas diagnoses ou perda de oportunidade de diagnóstico certeiro e de tratamento correcto, ou posibilidade de curación
O BNG esíxelle ao PP rectificación, que cese na súa política de secundarización e desprestixio absoluto da Atención Primaria, para o que considera fundamental que, ademais do acceso ás probas diagnósticas por parte dos médicos dos centros de saúde, estes poidan derivar os e as doentes que, baixo o seu criterio, precisen ser valorados presencialmente polo especialista hospitalario.
Malia todos os argumentos expostos pola portavoz de Sanidade do BNG, o PP votou en contra da iniciativa.