O BNG reclámalle o PP na Xunta un plan para frear a emigración xuvenil e darlle aos mozos e mozas galegas un proxecto de vida

Iago Suárez
Iago Suárez advirte do prexuízo económico e demográfico que supón que miles de galegxs fagan as maletas e marchen fóra buscando oportunidades

O BNG defenderá no Pleno desta semana unha iniciativa para reclamarlle o PP na Xunta o deseño e posta en marcha dun plan para frear o elevado número de galegos e galegas, especialmente mozos e mozas, que cada ano se ven obrigados a facer as maletas e marchar fora do País en busca de oportunidades que lles permitan desenvolver un proxecto vital.

O portavoz de Mocidade do BNG no Parlamento, Iago Suárez, considera “alarmantes” as cifras da emigración galega nos últimos anos. Segundo os datos do INE, explica, nos dezaseis anos de Goberno do PP, case medio millón de galegos e galegas tiveron que emigrar. “Nun País que non chega aos tres millóns de persoas, perder medio millón significa moito”, destaca o deputado nacionalista, que achaca esta sangría ás “políticas nefastas” do PP e á falta de oportunidades da mocidade para desenvolver o seu proxecto vital en condicións dignas.

Afondando nos datos oficiais, Suárez salienta que, lonxe de frearse, a emigración presentou no 2024 -último ano recollido nas estatísticas do INE- a cifra “máis elevada no que vai de século XXI”. Ese ano abandonaron Galiza até 36.704 persoas, das que 20.244 emigraron a territorios do Estado español (maioritariamente a Madrid, Cataluña, Andalucía e Canarias) e 16.460 a outras partes do mundo, fundamentalmente a outros países de Europa.

Suárez pon o foco no elevado peso da emigración xuvenil, posto que case o 38 % dos emigrados e emigradas galegas ao longo de 2024 (arredor de 14.000) tiña menos de 35 anos de idade, coas consecuencias que iso ten para o País. “Falamos de talento galego, de xente moza que formamos no País, á que pagamos en boa medida a súa educación pero que acaba xerando riqueza noutros países e noutros territorios, co prexuízo económico e demográfico que iso supón sobre todo nos concellos do rural”, declara o deputado, que recrimina ao PP a súa falta de iniciativa para reter á xente nova no País e os “máis que dubidosos” resultados dos programas de retorno postos en marcha.

O deputado de Lugo será o encargado de defender no Pleno a iniciativa do BNG para artellar políticas que “de verdade” axuden a reverter esta situación, con medidas concretas no ámbito do emprego, a mobilidade ou a vivenda. En concreto, proposta nacionalista contempla a elaboración dun plan consensuado no Parlamento con medidas e orzamentos concretos para frear a emigración, especialmente entre a mocidade.

Así mesmo, a iniciativa reclama un plan de incorporación da xente moza ao mercado laboral que poña fin á fenda salarial coas persoas menores de 30 anos.

O BNG defende ademais que é necesario a realización urxente dun estudo sobre as principais causas da emigración xuvenil que axude a establecer as medidas para poñerlle freo.