parlamento galego

BNG reclámalle á Axencia Tributaria Galega melloras para reducir a alta taxa de litixiosidade fiscal rexistrada no País

Noa Presas

Galiza está entre as cinco comunidades con máis litixios e é a segunda do Estado na que máis resolucións gañan as e os contribuíntes nos tribunais

Noa Presas advirte dos prexuízos que isto supón para a cidadanía e para a reputación da propia facenda galega, á que afecta a maioría de queixas

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, reclamou á Consellería de Economía a adopción de medidas na Axencia Tributaria de Galiza (Atriga) para frear a elevada taxa de litixiosidade fiscal que se rexistra en Galiza, que lidera no Estado o ranking de reclamacións e o de resolucións a favor do contribuínte, sobre todo no que ten que ver con impostos de competencia galega.

“É malo para a cidadanía ter que litigar e é malo para a reputación da facenda que maioritariamente teña o contribuínte razón, pois xera desconfianza no sistema público”, advertiu a deputada nacionalista. Segundo expuxo, os datos máis recentes, de 2024, que recolle a memoria anual que elaboran os tribunais económico-administrativos (TEAR) e que publica o Ministerio de Facenda, Galiza está entre as cinco comunidades con máis litixios (xunto a Andalucía, Cataluña, Madrid e Comunidade Valenciana) e é a segunda na que máis resolucións gañan as e os contribuíntes.

En total, detállase na memoria, no 2024 entraron en Galiza 14.959 casos e foron resoltos 17.810 (cifra superior polo casos acumulados), sendo a segunda comunidade do Estado na que máis preitos tributarios foron adiante, con 9.397 estimados total ou parcialmente.

Na mesa memoria, precisou Presas, apúntase que o 52,7 % das reclamacións, máis da metade, dan a vitoria ao contribuínte en Galiza, cando a media estatal sitúase entre o 35 e o 40 %. Ademais do IRPF, remarcou a deputada, destacan as queixas que teñen que ver cos impostos de transmisións e actos xurídicos documentados e co de sucesións e doazóns, que son de xestión galega. Estes dous gravames xuntos xeran en Galiza máis reclamacións que o IRPF.

Segundo a portavoz de Facenda do BNG, os datos da memoria dos TEAR apuntan a que ou ben “en Galiza non só se reclama moito, senón que se reclama con moita base xurídica” ou ben que “os criterios da Administración galega son corrixidos polos tribunais de forma sistemática”.

É por iso que o Bloque, a través da iniciativa debatida en Comisión, reclamou que a Xunta, a través da Atriga, elabore un informe comparativo entre os seus propios datos e os do Estado respecto da litixiosidade en materia tributaria e as propostas de mellora necesarias para a comunicación co contribuínte, “singularmente mellorando as ferramentas de apoio electrónico obsoletas, e reducir estes datos.”

O voto en contra do PP impediu que a iniciativa saíse adiante.