BNG reclama á Xunta de Rueda explicacións sobre os incumprimentos nas concesións do transporte público en Galiza
O deputado Paulo Ríos acusa o PP de vetar á sociedade galega a información que mesmo lle requiriu o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza
Asegura que só quere beneficiar a un grupo empresarial, favorecendo o monopolio do transporte público e contribuíndo á desaparición das PEME
O deputado do BNG, Paulo Ríos Santomé, interpelou no Parlamento ao conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, para coñecer as medidas que está a tomar a Xunta para rematar cos incumprimentos nas concesións no servizo de transporte público por estrada en Galiza. Ríos Santomé puxo de manifesto a situación de precarización que está a vivir o sector e cuestionou á Administración galega sobre a súa capacidade para velar polo cumprimento dos contratos e a protección dos dereitos das persoas usuarias e traballadoras.
Ríos recordou na súa intervención que tivo que ser o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) o pasado 25 de febreiro quen se pronunciase cunha sentenza clara que obriga á Xunta de Galiza a dar esta información sobre os contratos e os expedientes sancionadores — neste caso ao grupo Monbús, grupo empresarial totalmente dominante no sector do transporte por estrada en Galiza— aclarou.
Afondando no auto do TSXG, o deputado sinalou que o tribunal utiliza cualificativos como “escusas de mal pagador” cando a Xunta de Galiza alega a necesidade de reelaborar toda esta información sen xustificar, nin a Xunta nin a empresa consultora, ningún motivo polo que debese reelaborar toda esta documentación. “É así como opera o Partido Popular, vetando os dereitos de información da sociedade galega con escusas de mal pagador e só accedendo cando é a xustiza quen llo esixe”, criticou, engadindo que a Xunta do PP, “nun exercicio de terquedade e de seguir ocultando a información”, vai recorrer.
Ao non querer dar a coñecer os expedientes sancionadores ás empresas que están a incumprir os contratos, “está caendo en actuacións totalmente antidemocráticas e impropias neste parlamento, faltándolle o respecto á sociedade galega. Diante da falta de transparencia e da opacidade só caben sospeitas”, subliñou.
“Queremos coñecer a verdade sobre a situación do transporte público no noso País, que camiña cara o monopolio e a práctica desaparición das pequenas e medianas empresas do sector —que son para o deputado as que ofrecen un mellor servizo—, co único obxectivo de beneficiar un grupo empresarial concreto”, afirmou, engadindo que o PP está, unha vez máis, utilizando os cartos públicos para beneficio das súas empresas amigas”.
Segundo lembrou, o pasado novembro do ano 2024, a Garda Civil poñía en funcionamento unha campaña de control de transporte escolar en Galiza, cun resultado “alonxado da puntualidade e dos casos illados dos que fala o Partido Popular, pois o 60% dos vehículos controlados incumprían a actual normativa”, advertiu, poñendo de manifesto un número moi elevado de irregularidades que a Administración non estaba a detectar.
"É unha situación moi grave que require explicacións, así como a apertura do procedemento sancionador correspondente, tal como se establece nos pregos dos contratos de transporte", recalcou.
Na iniciativa, o BNG recorda que, dende a instauración do último Plan de transporte de Galiza, milleiros de queixas de persoas usuarias, colectivos e traballadores alertan sobre os problemas derivados deste novo modelo de licitacións públicas e a súa aplicación práctica. O plan de transporte está a deixar unha Galiza peor comunicada e cun servizo máis precarizado, con eliminación de horarios, incumprimentos reiterados, e a supresión de itinerarios e paradas, afectando negativamente á vida diaria da sociedade galega.
O BNG vén denunciando a existencia de autobuses que chegan tarde, outros que non chegan, vehículos en mal estado, duplicidade de matrículas, vehículos que superan a idade indicada polos pregos, modificación unilateral de horarios, e falta de información, entre outros problemas que afectan á calidade do servizo.