BNG reclama á Xunta respostas claras para garantir a actividade e os empregos da empresa de Narón Guidoni Quartz
O deputado do BNG Ramón Fernández reclamou á Xunta que interveña con “respostas claras” na busca dunha solución á crise que se está a vivir na empresa Guidoni Quartz, situada no polígono das Lagoas, no Concello de Narón, e que vén de anunciar un Expediente de Regulación de Emprego que afectará aos seus 122 traballadores.
A través dunha pregunta ao Goberno do PP, o deputado da comarca de Ferrol levou a situación de Guidoni Quartz á Comisión de Industria no Parlamento, na que advertiu da “situación crítica” na que se atopa esta empresa que, dixo, “precisa de respostas concretas” por parte do Executivo. “Tanto a empresa como a parte social chamaron á porta da Xunta; a empresa procurando financiamento e a parte social procurando respostas e, sobre todo, compromisos para que exerza as súas competencias en materia industrial e se constitúa en salvagarda do emprego e da actividade desta empresa, tan importante para a comarca de Ferrol”, expuxo.
Ramón Fernández salientou, neste sentido, o carácter industrial da empresa, constituída no seu día como Tile Stone coa participación de Sodiga (10%) e hoxe en mans da brasileira Guidoni. Unha empresa dedicada ao mercado da pedra artificial que ten en Estados Unidos un dos seus mercados principais e que, remarcou, non está vinculada ao sector naval, “o que na comarca de Ferrol significa un plus, como calquera outra actividade que poida manterse independente dos ciclos de ocupación de Navantia”, apuntou.
Segundo afirmou o deputado do BNG, a parte social de Guidoni Quartz Spain denuncia un “grave desleixo” por parte da propietaria, “non só na xestión diaria e ordinaria”, senón tamén na negociación do Erte que, tal e como trasladan os traballadores, “tivo máis de proceso meramente formal e aparencial que de outra cousa e está claramente dirixido a queimar etapas ou fases dos proceso”.
Os traballadores, destacou, séntense “coma un xoguete” e temen polos seus postos de traballo. “Non sabemos realmente cal é a situación da empresa, nin se este Erte responde realmente a unhas circunstancias produtivas temporais, se responde a problemas de liquidez, tamén temporais, ou se responde a outros obxectivos, lexítimos ou mesmo ilexítimos, como dar pasos cara unha liquidación ou cara a unha venda do centro de traballo”, agregou Ramón Fernández apelando ás responsabilidades da Xunta.
O deputado nacionalista emprazou á Consellería de Industria a ser máis que “unha xanela administrativa de recepción de proxectos”, renunciando a ter calquera tipo de iniciativa, polo que reclamou “respostas claras” e medidas para garantir os empregos e unha actividade que, dixo, son esenciais para a comarca de Ferrol, “onde cada vez máis xente dubida de que o Goberno do PP teña algún tipo de política industrial”.