BNG reclama á Xunta que propoña participar na intervención pública en Alcoa, na vez de botar balóns fóra cara ao Estado

Daniel Castro
Daniel Castro recrimina ao PP que eluda as súas responsabilidades e vete as iniciativas do Bloque para articular partidas orzamentarias neste sentido

BNG reclamou no Parlamento galego á Xunta que deixe de botar balóns fóra e confrontar co Executivo central e exerza como Goberno galego na crise de Alcoa poñendo enriba da mesa a súa participación pública na factoría, logo de que o Tribunal Supremo declarase a nulidade do ERE presentado pola empresa.

Así o demandou nunha pregunta parlamentaria o deputado nacionalista Daniel Castro, quen recriminou ao Executivo de Feixóo “a súa teima de non pintar nada no que ten que ver coas decisións que lle afectan ao noso País; a súa teima de que Galiza sexa pequeniña, pequeniña, que é onde vostedes están moi cómodos e cómodas”. Nesta liña reprochou á Xunta que “os problemas nunca teñen nada que ver con vostedes, nunca poden facer e demais escusas que sempre os eximen de toda responsabilidade”. “É dicir, que vostedes son o Goberno, pero non gobernan e, o peor, que nin teñen vontade algunha de facelo”, censurou con severidade.

Para o deputado mariñán, se o Goberno de Feixóo quixera realmente colaborar na resolución do problema, “reclamaría máis peso político, máis capacidade de decisión sobre a nosa industria e poñería enriba da mesa a participación pública da Xunta na factoría de Alcoa”, pero, segundo subliñou, “isto parece ser que non interesa, porque iso é saír da súa zona de confort; significaría abandonar a táctica de partido de tenis co Goberno estatal e até o de agora, como levan amosando, non están dispostos a facelo”.

Neste sentido, afirmou que a solución para Alcoa na Mariña é a intervención pública e que nesa intervención tamén pode participar o Goberno galego. “E podería facelo se crese que este é un País grande, que merece a pena e que hai que defender, articulando partidas para participar no consello de administración da nova factoría”, incidiu, logo de censurar que “o que pasa, é que cando dende o BNG propoñemos esta medida a través dos orzamentos, o que fai o PP é votar en contra”.

“Como levamos dicindo dende o comezo do problema, a solución para os e as traballadoras non está na vía xudicial, xa que o problema é cento por cento político e, como tal, a solución ten que vir dada polas Administracións, e incido no plural deste substantivo”, recalcou para a continuación afear de igual xeito o papel xogado polo Goberno central e a SEPI ante o problema de Alcoa na comarca da Mariña.

Logo de criticar que co Goberno de Feixóo “tiveran que pechar máis de decenas de empresas na Mariña que supuxeron a perda de máis de 1.000 empregos”, Castro recordou á bancada do PP que o BNG estivo dende o inicio da crise de Alcoa cos traballadores e traballadoras “e estivemos moitos meses agardando a, como vostedes sempre nos din, se puxeran do lado dxs da pancarta”. “Agora parece ser que a pancarta xa non queima tanto, que a pancarta é máis bonita e poden empregala para confrontar co Goberno do Estado”, concluíu.