Parlamento Galego

BNG reclama á Xunta que lidere a planificación dos servizos aeroportuarios tras o anuncio de recortes de Ryanair

Paulo Ríos
Paulo Ríos denuncia que a dependencia das aeroliñas privadas deixa en evidencia a falta dunha estratexia propia e reclama un sistema aeroportuario integral para Galiza

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Paulo Ríos, advertiu na Comisión 2ª do Parlamento da grave situación xerada polo anuncio de Ryanair de pechar a súa base en Santiago de Compostela e recortar drasticamente rutas tanto nesta terminal como na de Vigo. Segundo o parlamentario nacionalista, esta decisión confirma “a febleza dun sistema aeroportuario galego totalmente dependente dos intereses privados dunha empresa que chantaxea ás administracións públicas co despedimento de traballadoras e a eliminación de servizos”.

Ríos lembrou que o ERE anunciado pola compañía afecta a máis de cen traballadoras no aeroporto de Santiago, tanto do persoal de terra como de aire, o que supón “un ataque directo ao emprego e á continuidade dun servizo fundamental como é o transporte aéreo en Galiza”. A proposición nacionalista incluía a negociación urxente con Ryanair para que desista das medidas anunciadas e elimine o ERE proposto. Para o deputado do BNG, nin a Xunta nin o Goberno do Estado poden permanecer impasíbeis: “tanto o executivo galego como o estatal deben interceder para que Ryanair recúe e garanta os postos de traballo”.

O parlamentario insistiu en que o acontecido volve pór de manifesto a ausencia dunha estratexia común para os tres aeroportos galegos, que compiten entre si en lugar de cooperar. “Precisamos dunha planificación que pense en Galiza, que articule un sistema aeroportuario integral, coordinado e adaptado ás necesidades da cidadanía, en estreita relación co resto de medios de transporte, especialmente o ferrocarril”, sinalou.

Por iso, o BNG defende a apertura dun proceso de diálogo entre todas as administracións implicadas —Concello, Xunta e Estado— para articular unha rede aeroportuaria galega que cree sinerxías e non duplicacións, que facilite a mobilidade interna e externa e que garanta servizos de calidade sen estar sometidos ás decisións unilaterais das compañías privadas.