BNG reclama á Xunta que informe ao Parlamento sobre as conclusións da comisión para a recuperación das estatuas de Abraham e Isaac

Luís Bará
Luís Bará
Bará critica a goberno galego e Estado que non reclamasen a titularidade dos bens do interior do pazo que pertencen ás galegas e galegos

O BNG denunciou na Cámara a inacción e o silencio do Executivo do PP respecto da propiedade das estatuas de Abraham e Isaac, espoliadas pola familia Franco e que continúan, a día de hoxe, no interior do Pazo de Meirás.

O portavoz de infraestruturas, Luís Bará, denunciou a situación de “xustiza ao revés” na que se atopa a propiedade das estatuas espoliadas do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. Neste sentido, argumentou que “o normal nun estado democrático sería que se procesara a quen roubou e non seguir en batallas xudiciais para recuperar o roubado”. De feito, criticou que quen saqueou eses bens empregando o poder do Estado, a familia do ditador Franco, “aínda se segue a beneficiar hoxe deste delito”.

Sobre os resultados da comisión encargada en novembro do 2020 para a recuperación das estatuas, Bará denunciou que “nada se sabe ata o momento” xa que o Goberno do PP non avanzou aínda ningunha conclusión de dita comisión e esixiulle ao Goberno do PP “toda a información que este Parlamento merece porque a comisión foi un mandato explícito da Cámara”.

O parlamentario nacionalista aproveitou para reprobar á Xunta e ó Goberno do Estado o seu “moi mellorable” papel na recuperación destes bens, xa que, “malia os numerosos autos do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que sosteñen a titularidade pública de toda a propiedade” ningunha das dúas administracións reclamou perante a Xustiza para que as estatuas e o resto de bens presentes no seu interior retornen ao pobo galego. “Os bens do Pazo, tanto os que estaban antes de 1938, data do espolio, como os que  despois deben ser devoltos ás mans públicas”, esixiu.

Bará advertiu que, con este retraso na recuperación destes bens roubados, “os Franco prevén volver saquear o Pazo de Meirás” e que non é suficiente coa declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) porque, aínda baixo esta protección, a familia do ditador podería trasladar as estatuas de Abraham e Isaac a outro lugar.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG