BNG reclama á Xunta que comunique á Fiscalía os casos irregulares de suxeición mecánica detectados nas residencias

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Iago Tabarés insta ao Goberno galego a dar conta ao Ministerio Fiscal dos graves feitos que constata a inspección nalgúns centros de maiores

O PP veta a proposta, mais apoia o reforzo do servizo de inspección neste ámbito de actuación que tamén incluía a iniciativa nacionalista

BNG reclama á Xunta que comunique á Fiscalía os casos irregulares de suxeición mecánica detectados nas residencias

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que remita ao Ministerio Fiscal todos os casos detectados en residencias e centros de maiores nos que se aplicaran medidas de suxeición sen previa prescrición médica ou consentimento da persoa maior ou do seu representante legal, casos que, segundo o portavoz nacionalista de Xustiza, Iago Tabarés, “consisten en atar ou limitar a mobilidade e que, en opinión da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía atentan contra os dereitos fundamentais da persoa, prívana de liberdade e atinxe á súa dignidade e autoestima, ao tempo que provocan riscos para a súa integridade física e psíquica”.

Nunha proposición non de lei defendida en Pleno parlamentario, Tabarés advertiu do “clima de descontrol e impunidade” existente á hora de controlar nin a legalidade dos comportamentos dos centros de maiores que, segundo recalcou, “no mellor dos casos son inspeccionados unha vez cada tres anos”, nin tampouco para “esixir o cumprimento de contratos polo que empresas privadas cobran millóns de euros cada ano”. “Os medios da Xunta para controlar o cumprimento da legalidade en centros de maiores, en total 11 inspectores, son insuficientes, algo do que é plenamente consciente a propia Xunta”, reprochou.

Neste sentido, recordou que o Consello de Contas xa advertía no seu informe de 2017 que cando se detectaban irregularidades e estas non eran corrixidas “non se incoaban procedementos sancionadores” e reprobou a pasividade respecto do incumprimento das ratios de persoal de atención directa, na non diferenciación de categorías profesionais ou na falla de rigor nos rexistros ante os que, aínda sendo denunciados polo servizo de inspección, “a Xunta non facía nada”.

“E nada seguiu facendo logo do informe do Consello de Contas”, recriminou, para enumerar a continuación que das 446 denuncias e reclamacións rexistradas en 2019, só se incoaron 23 expedientes sancionadores; das 379 rexistradas en 2018, só deron lugar a 9 únicos expedientes sancionadores; e das 321 do ano 2017, só se incoaron 16 procedementos sancionadores.

Nesta mesma liña, exemplificou co caso ilustrativo dunha residencia na que, tras detectarse incumprimentos en anteriores inspeccións e sendo adxudicataria de contratos millonarios, en setembro de 2019 un acta do servizo de inspección reflectiu máis residentes que prazas autorizadas; menos persoal de atención directa que o legalmente exixible e 6 residentes aos que se lles estaba aplicando medidas de suxeición mecánica sen autorización médica, nin consentimento da persoa ou do seu representante, un caso este último que, segundo afirmou Tabarés, non é illado, senón que tamén foi detectado en máis centros.

Dada que esta práctica provoca as graves consecuencias relacionadas pola Sociedade de Xeriatría e Xerontoloxía, o portavoz de Xustiza do BNG reclamou que “estes feitos deben ser comunicados ao Ministerio Fiscal ao efecto da súa valoración, para que de consideralo, poda exercitar as accións que entenda procedentes” e engadiu que “en todo caso, a Xunta debería incoar inmediatamente un procedemento sancionador por tales feitos”.

Ante a exixencia do PP durante o debate parlamentario de que debe ser o Bloque quen poña en coñecemento da Fiscalía estes feitos, Tabarés rebateu que o BNG puido acceder ás actas de inspección, despois de serlle negada dita documentación e recorrendo aos servizos da Cámara, presencialmente “con estritas medidas de seguridade, cunha persoa diante por se facíamos fotografías, e previa sinatura dun documento de confidencialidade; por iso non citamos nesta Cámara ningún nome de ningún centro”.

“Agora, que se nos está negando poder divulgar información, que veñan a dicir que denunciemos nós ante a Fiscalía... As actas téñenas vostedes e non son os funcionarios de inspección quen teñen que facelo, estannos vostedes criminalizando, non teñen ni o labor nin a competencia para incoar procedemento sancionador; é a conselleira quen ten a competencia para poder transmitir todo isto á Fiscalía”, recriminou con severidade, para a continuación exixir ao Goberno de Feixóo que “non se escude nxs funcionarixs ante esta grave situación de incumprimento na que están permitindo a vulneración dos dereitos fundamentais das persoas, que non se perden polo feito de ser maior ou ter Alzheimer, seguen sendo titulares dese dereito que vostedes encobren e silencian”.

O deputado nacionalista acusou ao Goberno do PP de “estar pagando millóns de euros de recursos públicos a quen saben que están incumprindo” dado que así o demostran as actas de inspección. “Hai un determinado centro que conservaba os alimentos caducados, non se facilitaba a alimentación prescrita, non tiña a atención directa no número exixido de profesionais e vostedes tiñan coñecemento a través das actas de inspección”, exemplificou de novo con outro caso.

“Estámoslle pedindo á Xunta que se tome en serio este tema: existen unhas actas que conteñen feitos, presuntamente delitivos e o que lle pedimos á Xunta é que esas actas sexan postas en coñecemento da Fiscalía, é o único que lle estamos pedindo; nós non o podemos facer, pero se me autoriza a Xunta, mañá estaría a querela”, concluíu con rotundidade.

Ademais do traslado á Fiscalía dos casos de suxeición mecánica sen autorización, a iniciativa nacionalista incluía tamén solicitar informe da asesoría xurídica da Xunta sobre as consecuencias que tería nun procedemento de contratación que a adxudicataria fose sancionada pola comisión de infraccións graves ou moi graves por feitos producidos na execución de contratos públicos anteriores e de idéntico contido ao que se adxudica, así como incrementar os recursos humanos e materiais do servizo de inspección de Política Social que posibilite o control do estrito cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais e velar polo respecto aos dereitos das usuarias dos centros e residencias de maiores. O PP vetou os dous primeiros puntos da iniciativa, mentres que o último foi aprobado por unanimidade no Parlamento.
BNG reclama á Xunta que comunique á Fiscalía os casos irregulares de suxeición mecánica detectados nas residencias