parlamento galego

BNG reclama á Xunta diálogo para reformular o novo Plan de Vivenda co fin de garantir o dereito real de acceso á vivenda

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández critica a “unilateralidade” dun programa, cuxa novidade é “a procura dun maior beneficio para os intereses inmobiliarios”

BNG presentou unha proposición non de lei no Parlamento galego para instar á Xunta a abrir unha rolda de contactos coas distintas forzas políticas representadas na Cámara co obxectivo de reformular o Pacto de Vivenda 2021-2025, cuxo desenvolvemento foi anunciado sen consenso previo, tampouco cos axentes do sector, e que no deixa de ser “un plan continuísta” do anterior programa Rehavita, “sen medidas correctoras dos principais problemas que seguen persistindo”.

Así o manifestou a portavoz nacionalista de Vivenda, Alexandra Fernández, quen reprochou á titular de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda un plan “unilateral”, logo de que manifestase publicamente a súa disposición para contar coas achegas dos grupos da oposición. “Propaganda baleira”, sentenciou logo de advertir que o denominado Pacto Social da Vivenda non só non exclúe precisamente esa participación social, senón que, ademais, entre as súas escasas novidades incorpora “unha serie de axustes que supoñen un retroceso e un desmantelamento da función pública e a procura dun maior beneficio para os intereses inmobiliarios”.

Fernández considerou absolutamente necesario reformular o plan para garantir o dereito a unha vivenda digna, articulando novas liñas de axuda e con maior dotación orzamentaria, así como novos criterios e protocolos para lles proporcionar solucións de carácter integral ás persoas que se atopen nunha situación de maior precariedade económica ou vulnerabilidade social.

“A novidade que traen no novo plan é darlles ate 8.000 euros aos propietarios e propietarias que lles vendan unha vivenda a menores de 35 anos, incluída a SAREB (a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria); van dedicar máis recursos a axudarlles a desfacerse dos activos inmobiliarios que en axudas ao alugueiro a persoas desafiuzadas”, denunciou.

A deputada nacionalista apostou por deseñar unha nova estratexia que permita reordenar o parque inmobiliario fomentando unha nova correlación entre a vivenda pública e a privada, mediante o aumento substancial do parque público de vivenda en réxime de alugueiro. “Só hai que ver a porcentaxe de vivenda pública, que sigue inalterable despois de anos das súas políticas de parálise, para ver cal é a súa aposta”, reprochou, para a continuación engadir que, no relativo á vivenda protexida, “en lugar de corrixir erros do pasado, o que formulan no novo plan é un aumento dos prezos e a redución do número de anos nos que a vivenda está sometida a réxime de protección: reducir a súa función social e aumentar o beneficio dos promotores inmobiliarios”.

Logo de afear ao Executivo galego a ausencia no plan de medidas que contribúan a frear a urbanización e o consumo de novo solo dando prioridade á reutilización do parque construído, propuxo a reordenación do parque en uso, intervindo naqueles lugares onde existe unha forte demanda de vivenda ou naqueles casos de vivenda sen uso en mans de grandes propietarios que se atopan fóra do mercado. De igual xeito, avogou por último por intervir o mercado inmobiliario co obxectivo de “frear a actual burbulla dos prezos dos alugueiros”. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG