BNG reclama á Xunta un “cambio de rumbo” nas súas políticas fronte á invasión do tártago de patas amarelas

Mini Rivas
Mini Rivas

Mini Rivas propón reforzar o reparto de trampas e atraentes para a velutina entre concellos e apicultorxs, logo do “fracaso” do trampeo primaveral

Esixe ao Goberno galego que cumpra os seus compromisos en materia de investigación e advirte da “alarmante baixada” da produción de mel

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego un “cambio de rumbo” nas súas políticas de loita contra o tártago de patas amarelas (o coñecido como vespa velutina) e instou ao Executivo galego a abrir un prazo entre xaneiro e marzo para que aqueles concellos que estean dispostos a colaborar no trampeo primaveral fronte a esta especie invasora soliciten trampas e atraentes, así como a proceder, no mesmo período temporal, ao reparto destes materiais ás e aos apicultores desde as Oficinas Agrarias, aproveitando a renovación dos censos.

O portavoz parlamentario de Agricultura, Mini Rivas, avogou por estas medidas logo do “fracaso” do trampeo primaveral oficial deste ano, dado que, segundo explicou, “a distribución foi feita tarde e directamente ás asociacións apícolas que o solicitasen”.

“A desculpa dos atrasos e mudanzas levouna a pandemia, a pesar de que a actividade apícola continuaba e o tártago das patas amarelas non daba signos de febleza: poucas solicitudes e mala distribución”, incidiu, para a continuación criticar que se eliminaran solucións de menor risco como aproveitar para facer o reparto de trampas e atraentes que as e os apicultores deben acudir ás Oficinas Agrarias Comarcais para renovar o censo.

Rivas advirte que os estudos sinalan que os niños do tártago retirados “só representan o 20% do total estimado” e, polo tanto, apuntou como reto principal combater a incidencia desta especie invasora tanto na polinización coma na poboación de abellas e produción de mel.

“Os equipos encargados da retirada de niños comparten en Ourense dúas escopetas marcadoras de aire comprimido e as pértigas xa coñecidas: nada sabemos de investigacións doutro tipo de marcadores, dixitais por exemplo, nin das posibilidades dos drons, nin da utilización dos mesmos para marcar o seu niño de procedencia”, denunciou para censurar “a indolencia e quietude” das políticas do Executivo do PP neste ámbito de actuación.

Nesta liña, advertiu que as asociacións de apicultores cifran a mortaldade de colmeas nos últimos anos entre un 30 e un 40%, cando antes da chegada do tártago era dun 8 a un 10%, e que se está a rexistrar unha “baixada alarmante” na produción de mel, que pasou dos 24-30 kg por colmea aos 10 kg actuais.

Logo de apuntar á necesidade de coñecer a especie para frear a súa expansión, o deputado nacionalista reprobou neste sentido que “nada sabemos do estado das investigacións que desde o Goberno galego se prometeran xa en 2016”.

“Houbo un fume do que case nada permanece e o abandono por esquecemento de iniciativas investigadoras ás que non se lles deu unha mínima cobertura orzamentaria para a súa continuidade sumen na impotencia ao sector directamente máis afectado, o apícola”, criticou, polo que a iniciativa nacionalista tamén recollía a investigación de medios de loita biolóxica a partir dos estudos do equipo de Xulio Maside e o desenvolvemento de liñas de investigación para avanzar nas diferentes frontes abertas: estratexia de adaptación do tártago, feromonas atraentes das raíñas, avistamento e eliminación dos niños e seguimento do miñato abelleiro coma predador natural dos niños.     

Por último, o portavoz parlamentario de Agricultura tamén instou á Xunta a facer públicos os datos de xeolocalización dos niños retirados para a realización de plans de choque de trampeo primaveral e de vixilancia e retirada. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG