BNG reclama en Viveiro infraestruturas calidade para A Mariña baixo o lema “Viveiro e A Mariña merecen máis”
Néstor Rego e Daniel Castro defenden a necesidade de levar a cabo unha verdadeira VAC Costa Norte e desenvolver a autovía A-74, ambas estratéxicas para A Mariña
Infraestruturas dignas, seguras e pensadas para garantir o desenvolvemento socioeconómico da Mariña e o seu futuro: reclama o BNG
O BNG aposta por abrir ao tráfico comercial o dique norte de Morás e crear unha Autoridade Portuaria en San Cibrao
O Bloque Nacionalista Galego celebrou en Viveiro un acto aberto coa veciñanza baixo o título “Viveiro e A Mariña merecen máis” para denunciar o abandono histórico que sofre a comarca da Mariña en materia de infraestruturas e reclamar compromisos reais por parte da Xunta de Galiza e do Goberno do Estado.
A mesa do encontro, composta por Seve Salgueiro, concelleiro do BNG en Viveiro; Iria Cotelo, portavoz municipal; Daniel Castro, deputado do BNG no Parlamento de Galiza; e Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso dos Deputados.
Unha verdadeira VAC Costa Norte, non máis recortes nin mentiras
O deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Daniel Castro, denunciou que, após máis de 25 anos de promesas incumpridas por parte do Partido Popular á fronte da Xunta, a VAC Costa Norte segue sen facerse realidade. “25 anos despois, o PP continúa a mentir á veciñanza da Mariña e mesmo a recortar o proxecto orixinal” afirmou.
Castro cualificou de “inaceptábel” a proposta actual do PP, que reduce a VAC a apenas 10 quilómetros do que sería “unha estrada convencional”. “O que propoñen non é unha vía de alta capacidade, senón unha estrada sinuosa, con moitas curvas e sen dous carrís por sentido, que non resolve nin os problemas de seguranza nin as necesidades de mobilidade da comarca” sinalou.
O deputado do BNG no Parlamento de Galiza aposta pola execución dunha verdadeira VAC Costa Norte, continua e de altas prestacións, como infraestrutura estratéxica para mellorar a seguranza viaria, fixar poboación e garantir oportunidades de desenvolvemento económico e social para A Mariña.
A-74 Barreiros–San Cibrao: unha débeda histórica do Estado coa Mariña
Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembrou todas as iniciativas impulsadas polo Bloque nas Cortes do Estado —tanto a través de emendas aos Orzamentos Xerais do Estado como mediante propostas para o seu debate e votación— para exixir a construción da Autovía A-74 entre Barreiros e San Cibrao.
Esta infraestrutura permitiría dar continuidade á A-8 ao largo de 33,5 quilómetros, substituíndo funcionalmente á N-642 e conectando directamente cun enclave estratéxico como é o Porto de Interese Xeral do Estado de San Cibrao. “Estamos a falar dunha autovía clave para a seguranza, a mobilidade e a competitividade económica da Mariña” subliñou Rego.
O deputado nacionalista reclamou que o Goberno do Estado “tome en serio dunha vez esta infraestrutura” e teña en conta “a excepcionalidade da situación da Mariña”. “É imprescindíbel que o Ministerio estabeleza unha axenda clara e un cronograma concreto para a A-74, de xeito que no inicio da terceira década do século XXI esta autovía sexa xa unha realidade” engadiu.
Rego lembrou tamén que nin os gobernos do PP nin os do PSOE foron quen de executar esta autovía, mais asegurou que o BNG continuará traballando con firmeza para que se leve a cabo, do mesmo xeito que fai coa VAC Costa Norte.
Dique norte de Morás para impulsar e dinamizar a economía
Néstor Rego reclamou tamén a creación dunha Autoridade Portuaria propia en San Cibrao, segregada da de Ferrol, así como a apertura ao tráfico comercial do dique norte de Morás. O deputado do BNG sinalou que esta medida permitiría unha mellor xestión do porto, optimizar as súas instalacións e garantir que os ingresos e beneficios que se xeren revertan directamente na comarca. Rego lembrou que o Porto de San Cibrao, o de maior calado da Mariña, ten un enorme potencial para dinamizar a economía do territorio, especialmente nun contexto de incerteza sobre o futuro industrial da comarca.
O BNG, a forza que logra avances reais para a Galiza
Como exemplo da diferenza entre a pasividade e a submisión das forzas estatais e a capacidade do BNG para mellorar a vida da xente cando ten forza institucional, Néstor Rego puxo en valor a implantación dos servizos de proximidade ferroviaria na Galiza, recollidos no Acordo de Investidura acadado polo BNG e contemplado agora na Lei coa aportación da organización nacionalista na Lei de Mobilidade.
“A Galiza carecía até agora destes servizos e grazas ao BNG van implantarse” destacou, avanzando que A Mariña estará incluída a través da liña complementaria de ancho métrico, con máis frecuencias, máis liñas e horarios adaptados ás necesidades reais do territorio.