BNG reclama a transferencia á Galiza das competencias para a regulación e xestión do dominio público marítimo-terrestre

Conservas Daporta
Conservas Daporta

Rego defende modificar a Lei de Cambio Climático para eliminar o artigo 20, co obxecto de que o complexo mar-industria do País “poida ter continuidade da súa actividade e seguridade xurídica”

Prado reivindica o labor do BNG nas institucións na defensa do sector e a necesidade de lexislar desde a Galiza para adaptar a normativa ás necesidades e especificidades propias

O Bloque Nacionalista Galego avanza accións no eido institucional para reclamar a transferencia das competencias para a regulación e xestión en materia de dominio público marítimo-terrestre e de ordenación do litoral para adaptar a normativa ás necesidades e especificidades da costa galega. A organización nacionalista demanda modificar a Lei de Cambio Climático no seu artigo 20 para garantir a continuidade da actividade do sector mar-industria e evitar o fechamento ou desprazamento das empresas que están plenamente integradas no medio “cunha actividade sustentábel, garantindo a seguridade xurídica ás industrias afectadas”.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada da organización nacionalista no Parlamento de Galiza, Montse Prado, visitan as instalacións de Mariscos Daporta acompañados de cargos institucionais e orgánicos do BNG como o voceiro municipal en Cambados, Liso González. Durante a visita, guiada polo propietario da depuradora, Pepe Daporta, na que tamén estiveron presentes representantes de Asociación Galega de Depuradores de Moluscos (AGADE) os deputados aseguraron que o BNG “non vai quedar cos brazos cruzados” despois de coñecer o informe emitido pola Dirección Xeral de Mar e Costas do Goberno do Estado a respecto de Cambados que pon en perigo a continuidade dos postos de traballo e da actividade do complexo mar-industria unha vez rematadas as concesións en dominio público marítimo terrestre.

No informe sobre o Plan de Ordenación do Porto de Cambados, segundo explica a deputada no Parlamento, o Goberno do Estado di que, rematados os períodos de concesión das depuradoras ou instalacións tan importantes como a Praza de Abastos ou o Centro de Saúde, teñen que saír da súa localización actual. “Con este informe saltaron todas as alarmas porque pon en cuestión a continuidade de elementos moi relevantes para a vida de Cambados e que se pode extrapolar a todos os portos da Galiza” salienta Prado.

Visita Cambados
Visita Cambados

Para a deputada Montse Prado, este documento “deixa en evidencia que a lexislación feita desde Madrid non ten en conta a realidade galega nin a nosa singularidade”. Así mesmo, reclama que a Xunta transfira ao Concello de Cambados os espazos recollidos no informe -como é a Praza de Abastos, o Centro de Saúde ou a Alameda- para que sexan os propios concellos os que regulen eses espazos e “non sexa un xeito de facer caixa por parte de Portos de Galiza”.

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, destaca as instalacións de Mariscos Daporta como “o exemplo dun problema que temos ao longo de toda a nosa costa. Como consecuencia de que decidan en Madrid, a 600 ou 700 quilómetros, sobre algo que non coñecen e se empeñan en lexislar baixo unha visión mediterránea”. Para Rego, o complexo mar-industria é de vital importancia para o desenvolvemento social e económico da Galiza que agora se atopa “na corda frouxa” pola aprobación do artigo 20 da Lei de Cambio Climático.

Rego lembra que o BNG rexistrou, durante o debate desta lei no Congreso, unha emenda para pedir a supresión do artigo que modificaba de forma encuberta a Lei de Costas e os criterios de cómputo e permanencia en dominio público marítimo-terrestre. Esta emenda non foi aprobada polo voto en contra do PSOE e UP, organizacións que, unidas ao PP, tampouco aceptaron a emenda transaccional presentada polo BNG que “excluía da previsión dese artigo 20 a todas aquelas actividades sustentábeis”.

“Estamos a falar dun sector que, polas súas propias características, deben permanecer en dominio público marítimo-terrestre” destaca o deputado do BNG. Un sector que da emprego “a millares de persoas, non só no complexo mar-industria, senón que del tamén depende a actividade marisqueira”.

“Non nos damos por vencidos. Por iso presentamos novas iniciativas para demandar a modificación do texto lexislativo e garantir o mantemento da actividade do sector e evitar o fechamento e desprazamento de empresas que necesariamente teñen que estar preto do mar e mesmo que están plenamente integradas no medio e desenvolven unha actividade sustentábel” afirma o deputado nacionalista.

Rego defende a necesidade de ter a capacidade de lexislar, de ordenar e executar. “A solución está en que teñamos nós as nosas propias competencias, após 13 anos sen conseguir nin unha soa competencia”. Por este motivo, demanda, nas iniciativas rexistradas, a transferencia á Xunta de Galiza das competencias para a regulación e xestión do dominio público marítimo-terrestre, así como a ordenación do litoral “para permitir adaptar a normativa ás necesidades e especificidades da costa galega”.

Nunha xuntanza posterior á visita con representantes de AGADE falaron doutras reformas lexislativas en marcha que tamén van pór en risco a actividade do sector mar-industria na costa galega, como é a reforma do Regulamento de Costas ou o Plan Estratéxico da Costa que interpreta directamente como unha ameaza o valor socio-económico da costa. O BNG comprometeuse a seguir traballando na defensa do sector e dos intereses de Galiza, presentando alegacións e iniciativas nas distintas institucións nas que teñen presenza.

Máis de 50 anos no lugar idóneo

O anfitrión durante a visita, Pepe Dacosta, explicou que as instalacións da empresa levan desde 1958 no mesmo sitio. “A nosa empresa é totalmente inviábel fóra da costa polas cantidades de augas que manexamos ao día. O custo ecolóxico sería moito maior se nos temos que ir lonxe da costa” destaca Dacosta. De facto, segundo afirma, as instalacións atópanse “no lugar idóneo para realizar o traballo e que o marisco estea en perfectas condicións” para a súa posterior comercialización.

En opinión de Dacosta, de aplicarse a nova normativa estatal, a transformación do marisco na Galiza “estaría en perigo” e defende a necesidade de transferir todas as competencias en materia de dominio público marítimo-terrestre á Galiza “para poder gobernar nós o noso”. De facto, a deputada do BNG no Parlamento lembra que en 13 anos de Goberno do Partido Popular non foi transferida nin unha soa competencia a pesar de existir un apoio unánime da cámara galega a iniciativas que as demandaban.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG