BNG reclama á SEPI exixir o mantemento do emprego no Grupo Losán
O deputado do BNG no Congreso reclama un papel activo do Goberno do Estado para garantir a continuidade do Grupo Losán, o mantemento da actividade industrial e a defensa dos postos de traballo nas fábricas de Curtis e Vilasantar. Neste sentido, Néstor Rego demanda a implicación directa da SEPI no deseño e execución dun plan de viabilidade tras os importantes recursos públicos achegados á empresa nos últimos anos.
Rego lembra que o pasado 15 de xaneiro o persoal do Grupo Losán protagonizou unha mobilización ante a falta de pagamento das nóminas, unha protesta que contou co apoio de concellos, alcaldías, asociacións e da veciñanza da comarca, dada a relevancia estratéxica dunha empresa que é a segunda maior madeireira galega por volume de ingresos. “Estamos a falar dunha compañía clave para o tecido produtivo e o emprego na comarca, cuxa situación actual é consecuencia dunha xestión irresponsábel e dunha alarmante pasividade institucional” afirma Rego.
O deputado nacionalista subliña que resulta “especialmente grave” que o grupo iniciase EREs e recortes de persoal apenas catro anos despois de recibir 35 millóns de euros da SEPI a través do fondo de solvencia post-covid, aprobados polo Consello de Ministros en decembro de 2021. “Losán pechou o exercicio 2022 cunha facturación superior aos 343 millóns de euros e con beneficios, polo que non se entende que, malia as achegas públicas da SEPI, do IGAPE e os avais do ICO, se chegase a esta situación límite” sinala.
Néstor Rego denuncia que a reestruturación da débeda -próxima aos 200 millóns de euros- negociada ao longo de 2024 non se executou conforme ao pactado, agravando a crise económica da empresa, provocando despedimentos colectivos e poñendo en risco a continuidade da actividade industrial. “O resultado é que hoxe preto de 200 traballadores e traballadoras levan meses sen cobrar, con varias nóminas, a paga extra e a actualización salarial pendentes, o que os sitúa nunha situación social absolutamente insostíbel” advirte o deputado do BNG.
Néstor Rego alerta tamén do risco de deterioro irreversíbel do proxecto industrial: “Cada saída forzada implica perder coñecemento, experiencia técnica e capital humano construído durante décadas. Cada semana de atraso achega un escenario de desmantelamento silencioso das fábricas” enfatiza.
Ante esta situación, o BNG exixe ao Goberno do Estado que recoñeza a gravidade da situación, que manteña contactos directos coa empresa e co comités e que actúe con responsabilidade en coherencia cos investimentos públicos realizados. “O Goberno debe implicarse de maneira efectiva, exixir o mantemento da actividade e do emprego e supervisar un verdadeiro plan de viabilidade” defende Rego.
Neste sentido, o deputado do BNG tamén defende que a SEPI participe activamente nese plan e que se valore a súa incorporación ao capital da empresa. “Non ten sentido inxectar millóns de euros de diñeiro público a fondo perdido e non asumir ningunha responsabilidade sobre o futuro da empresa e do emprego” asegura. Así mesmo, pide transparencia sobre os posíbeis investidores interesados e coordinación coa Xunta da Galiza para garantir unha solución industrial sólida e a longo prazo.
“O que está en xogo non é só o futuro dunha empresa, senón o dereito de centenas de familias a un emprego digno e o mantemento dun sector estratéxico para a economía da comarca e do conxunto da Galiza. O Goberno do Estado non pode mirar para outro lado” sentenza Néstor Rego.