Congreso

BNG reclama partidas para actuacións urxentes en infraestruturas e medio ambiente

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego destacou que as emendas do BNG aos Orzamentos Xerais do Estado veñen corrixir a discriminación a Galiza en investimentos para equipamentos e infraestruturas, especialmente para a modernización e ampliación da rede ferroviaria interior, así como para o saneamento e rexeneración das rías galegas ou para os plans de transición xusta en As Ponche e Cerceda.

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Néstor Rego, destacou na Comisión de Orzamentos que “non é aceptable discriminación flagrante que se produce con Galiza cuns orzamentos que crecen no Capítulo de Investimentos en máis do 68%, nos investimentos do Ministerio de Transporte máis do 56% e en Galiza cae máis do 11% en relación cos orzamentos do ano 2018, os orzamentos de Montoro e do Partido Popular” que -lembrou- que o PSOE tamén os cualificou como “moi malos” para o noso país.

Infraestruturas

En referencia a infraestruturas, o BNG considera prioritario todas aquelas que teñen que ver coa rede ferroviaria interna para vertebrar Galiza cun modo de transporte sostible e eficaz, aínda que Rego subliña que “a alta velocidade aínda está sen acabar no noso país”. Neste sentido, a formación nacionalista ve necesario a modernización da liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol, a liña que une a cidade herculina con Lugo, a modernización da liña FEVE, que articula todo o norte de Galiza, o saída sur de Vigo para completar o Eixo Atlántico ou a conexión co porto exterior de Punta Langosteira.

Rego tamén destacou a necesidade de dedicar unha partida de 200 millóns de euros para a transformación do porto interior da Coruña para compensar a débeda provocada polas obras do porto exterior e evitar o agravio comparativo con Valencia onde -lembrou- o Goberno condona unha débeda de 400 millóns.

Ademais, o deputado do BNG sinalou que entre as actuacións necesarias, para alén da variante de Ourense na alta velocidade, está a previsión para construír a estación de mercadorías da Sionlla en Santiago de Compostela ou o impulso á A-74 entre Barreiros e San Cibrao na Mariña.

Medio ambiente

Rego tamén reclamou a necesidade de destinar partidas para a rexeneración de rías e recuperar a súa capacidade produtiva como a de Foz, Ferrol, Betanzos, Corcubión, Muros-Noia, Pontevedra e Vigo, ou de ríos como o Sarela, Masma, Barbaña, Miño e Sil.

En canto ao proxecto de rexeneración da Ría do Burgo, o deputado nacionalista salientou que “hai que resolver o último escollo para que as actuacións póidanse iniciar, a compensación aos mariscadores e mariscadoras da ría que durante dous anos van perder os seus ingresos”. O BNG entende que é unha obrigación por parte do Estado previr esta situación e incluíla nos orzamentos.

Ademais, a formación nacionalista considera necesario impulsar un plan de desenvolvemento en Cerceda para que a transición ecolóxica sexa realmente xusta tras o peche da planta térmica Naturgy. E da mesma maneira para asegurar a transición xusta nas Pontes, unha vez que se peche a planta de Endesa, para poñer en marcha un centro de investigación en almacenamento de enerxía así como a urbanización dun parque empresarial que permita a localización de actividades económicas alternativas que garantan o emprego nas Pontes.

Cultura

Por outra banda, o BNG reclama actuacións con cargo á partida cultural do Ministerio de Transportes para dar impulsar a plena operatividade do Museo de Pontevedra no que se atopa a maior parte da obra gráfica de Castelao que é necesario valorizar e divulgar.

Ademais, o BNG emenda os orzamentos para incorporar un Plan de rescate do sector cultural en Galiza, para que exista unha liña de axudas específica para as producións audiovisuais en galego, para a rehabilitación de patrimonio como o Mosteiro de Santa Catarina (Ares) e o Castelo de Naraío (San Sadurniño) ou para actuacións xa comprometidas como a Biblioteca de Tomiño.

Néstor Rego advertiu aos partidos do goberno, PSOE e Podemos, que aumentar os investimentos en Galiza é imprescindible non só para corrixir a discriminación senón tamén “para atender actuacións que son absolutamente necesarias, que non poden seguir esperando” e insistiu en que o BNG só apoiará as contas se o goberno “ modifica o trato dado ao noso país e apoia propostas razoables para lograr que o investimento territorializado supere os 1.000 millóns de euros”. O deputado nacionalista salientou que en caso contrario, votarán en contra, “porque o obxectivo do BNG é defender os intereses de todos os galegos e galegas e de ningún xeito imos colaborar nuns orzamentos que nos discriminan”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG