BNG reclama no Parlamento a modificación da Lei da Minaría para garantir a participación da sociedade civil
X. Manuel Golpe: “Se tan fantástica é a minaría que promove a Xunta do PP, que medo ten a que a sociedade civil teña voz nos órganos que a regulan?”
Acusa o Executivo de Rueda de asumir o “lavado de cara” da mina de Doade e critica que o litio que se extraia vai dar riqueza a Zaragoza e non a Galiza
O portavoz de minaría do BNG, Xosé Manuel Golpe, defendeu no Pleno deste martes unha iniciativa na que se reclama a modificación da Lei da Minaría de Galicia co obxectivo de asegurar a participación das comunidades de montes, das asociacións ecoloxistas e dos sindicatos sectoriais do rural nos órganos de regulación do sector.
O deputado nacionalista criticou con contundencia o modelo de “minaría fantástica” promovido polo Partido Popular que, segundo advertiu, “nega a realidade do territorio galego” e exclúe calquera voz crítica dos órganos de decisión. “Se tan fantástica é a minaría que promove a Xunta do PP, que medo ten a que a sociedade civil teña voz nos órganos que a regulan?”, preguntou, recordando que o Consello Galego da Minaría segue sen poñerse en marcha 17 anos despois da súa creación.
Golpe denunciou ademais que a recente modificación da composición deste órgano, realizada pola vía da Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2025, eliminou a representación de sectores fundamentais, como as comunidades de montes, as organizacións ambientais e os sindicatos do rural. “Unha práctica habitual para deixar sen voz ao parlamento e furtar calquera clase de debate lexislado pola vía do rodete da maioría absolutista”, salientou o deputado, para quen “neste paradigma de minaría fantástica, non teñen cabida as voces críticas”.
O Consello da Minaría está pensado como un órgano de participación, asesoramento e fiscalización. Pero das 34 persoas que integran a nova composición, 14 son cargos da Xunta, 9 representades do empresariado, 3 da cámara mineira, 3 dos colexios técnicos relacionados coa minaría, unha persoa por cada sindicato intersectorial (deixando con este termo fóra os sindicatos sectoriais do rural), unha representante da Fegamp e unha dos concellos mineiros. Isto elimina, para o portavoz de minaría, calquera posibilidade de que a cidadanía poida exercer unha verdadeira fiscalización democrática.
Ademais, Galicia segue sen contar cun Plan Sectorial de Actividades Extractivas, previsto na Lei 3/2008, o que, segundo o deputado, “demostra a falta de planificación e transparencia da política mineira da Xunta”.
Para rematar, Golpe lembrou que a Comisión Europea instou os Estados membros a reforzar a democracia participativa, protexer os dereitos fundamentais e garantir a participación activa da cidadanía na vida pública. “Esa mesma comisión a onde a conselleira de Medio Ambiente vai chorar acompañada da señora Prado, porque o PP corre a Bruxelas cando lle interesa, pero ignora as súas recomendacións cando se trata de abrir as portas da administración á participación cidadá”, espetou.
Diante da propaganda do PP de que “Galiza é unha mina”, Golpe obxectou: “Se Galiza é unha mina non pode ser outra cousa, non pode haber monte comunal se hai que poñer unha mina, non pode haber traídas de auga se hai que poñer unha mina, non pode haber ríos con vida, se hai que poñer unha mina”.
O PP votou en contra da iniciativa do BNG.
A mina de Doade: “Extractivismo en Galiza, emprego de calidade en Zaragoza”
Xa na sesión plenaria deste mércores, Golpe tamén interveu na proposición non de lei do PP para demandar “recoñecer a importancia das materias primas fundamentais e das materias primas estratéxicas para reforzar a autonomía estratéxica e reducir a dependencia do exterior”. Trátase, dixo, dunha “demanda estéril” posto que xa a recolle o regulamento 2024/1252 do Consello de Europa. “Entendo que o que vostedes piden neste punto é que a Xunta acompañe á Comisión Europea nesta nova era de rearme e militarismo. Nesta nova ansia de poñer mais recursos para matar xente”, afirmou, engadindo que sería “máis sensato” que pedisen que eses recursos tivesen un control público.
O responsable de minaría do BNG criticou así mesmo que o PP demande á Xunta a tramitación do proxecto da mina de Doade “consonte á normativa actual”, segundo se di na proposta popular. “So faltaría!. Onde se viu que a Xunta emitise unha autorización de explotación sen garantir o cumprimento normativo? Acaso están insinuando que se tramitan proxectos sen as máximas garantías ambientais?”, ironizou, lembrando o caso da mina de feldespato de Muras, onde se emitiu a autorización de explotación “pasando por riba dun informe dun técnico” da Xunta.
En canto ao cumprimento normativo, lembrou que a mina de Doade xa foi rexeitada polos técnicos no 2020 pola posible presenza de materiais radioactivos, e agora os seus promotores fixeron o mesmo que os da mina de Touro, un lavado de cara, un tamaño diferente e, “iso si, publicidade a moreas” nos medios sobre as “bondades do proxecto”.
Recriminou así mesmo que o PP “non di nada de como imos pechar o ciclo do litio que se extraia da mina de Doade”. Recordou neste punto as palabras da portavoz nacional do BNG no último Debate do Estado da Nación cando dixo que o litio de Doade vai crear riqueza a Zaragoza, onde se está a instalar unha factoría de baterías para vehículos eléctricos ou para dispositivos móbiles. “Estractivismo en Galiza emprego de calidade en Zaragoza, ese é o modelo do Partido Popular, pero os do non somos nós”, ironizou.
O BNG presentou a esta PNL unha emenda na dirección de garantir un control público destes materiais estratéxicos, pechar o ciclo dos minerais extraídos dentro da Galiza, e fixar sobre o territorio un mínimo de beneficios, para ver se así “se galeguizan un pouco e deixan de ser o comando norte da rúa Génova”. Unha emenda semellante á iniciativa que o BNG presentou hai unha semana na Deputación de Ourense e que foi apoiada polo PP. Porén, hoxe rexeitouna.