parlamento galego

BNG reclama un papel “claro e contundente” de Industria en defensa da actividade e o emprego de Celsa Atlantic Laracha

Daniel Pérez
Daniel Pérez

Daniel Pérez considera imprescindíbel sacar adiante o plan industrial para montar unha acería, pechando desta forma o círculo produtivo na Laracha

O deputado Daniel Pérez fixo hoxe un chamamento para que a Consellería de Industria asuma un papel “protagonista, claro e contundente” na defensa da actividade produtiva e do emprego na planta de Celsa Atlantic Laracha, que se atopa nun “escenario de gran incerteza” logo da sentenza ditada por un Xulgado do Mercantil nº 2 de Barcelona que lle da a razón aos acredores fronte aos aínda hoxe donos da mercantil siderúrxica.

“Atendendo á importancia da factoría e o peso que ten desde o punto do vista do emprego a nivel comarcal, e no dinamismo do porto da Coruña, é imprescindible e urxente que a Consellería coordinada coa parte social e cos concellos directamente afectados teña un papel protagonista”, dixo o deputado do BNG no transcurso dunha pregunta á titular de Industria, María Jesús Lorenzana.  

O deputado a lembrou que a reestruturación de Celsa afecta directamente á factoría siderúrxica radicada en Lendo, no Concello de Laracha, da que dependen arredor de 200 persoas, contando tanto os empregos directos como os indirectos. Unha reestruturación, expuxo, derivada da débeda contraída cun grupo de acreedores entre os que se atopan fondos como Deutsche Bank, Anchorage, Capital Group e Attesor Capital, e supón que estes, após unha quita e unha refinanciación da débeda, tomen o 100 % do capital desprazando aos propietarios actuais, explicou o deputado do BNG.

Queda pendente por dilucidar, apuntou se o Consello de Ministros debe emitir a autorización final da reestruturación, “ao poder considerarse a operación unha opa sobre unha empresa de interese estratéxico”.

En todo caso, Daniel Pérez  advertiu do “modus operandi” que adoitan ter os fondos de inversores, un concurso e a posterior venda especulativa das unidades produtivas por separado, procedemento que temen tanto os traballadores como os accionistas. “O que está en xogo é o mantemento da actividade produtiva e do emprego en Celsa Atlántic”, insistiu, ao tempo que subliñou os “beneficios históricos” que a planta de Lendo obtivo o pasado ano, “o que demostra a súa viabilidade”.

Para o deputado nacionalista, o “camiño a seguir” para o mantemento da actividade e os empregos da fábrica da Laracha pasa polo plan industrial presentado na Consellería de Industria hai meses para optar aos Perte, e que suporía montar unha acería “que permita pechar o círculo produtivo na Laracha”.  Subliñou ademais a necesidade de buscar un socio industrial coa capacidade suficiente para levar a cabo este proxecto.

“Outros gobernos autonómicos que contan con plantas do grupo no seu territorio xa moveron ficha dun xeito claro e contundente”, afirmou. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG