Parlamento Galego

BNG reclama un novo proxecto para o paseo marítimo de Noia, máis sostible e que recupere o espazo para as persoas

Rosana Pérez

A deputada Rosana Pérez critica a intención de Portos de Galiza de converter a explanada de Labarta nun aparcadoiro de vehículos

A deputada do BNG Rosana Pérez  vén de denunciar a falta de humanización do actual proxecto de reforma da explanada de Labarta, en Noia, promovido por Portos de Galiza, que cualificouno de “parche aberrante” que ignora as necesidades reais da veciñanza e que non é respectuosa coa contorna.

“A súa pavimentación masiva contrasta coas demandas actuais da cidadanía, que aposta pola renaturalización de espazos e pola priorización da mobilidade peonil e dos usos sociais fronte á sobreocupación do espazo público polos vehículos”, en contra das tendencias urbanísticas actuais que apostan por zonas verdes, mobilidade peonil e espazos de lecer, sinalou.

O proxecto, que supón un investimento de 121.000 euros en 2025 e unha previsión plurianual de máis de 700.000 euros, fora presentado en 2023 como unha actuación de “humanización e ordenación da fachada marítima”. Porén, segundo denuncia o BNG, o resultado final dista moito desa filosofía inicial: “trátase, basicamente, dunha pavimentación en formigón armado de 6.300 metros cadrados nunha das zonas verdes máis importantes de Noia, orientada ao estacionamento de vehículos, eliminando practicamente toda a vexetación existente e sen ningún tipo de integración paisaxística”, advertiu Pérez.

“É un proxecto que non pensa nas persoas, senón nos coches. É un parche mal deseñado que non responde ás demandas da cidadanía nin á realidade climática e ambiental do século XXI”, afirmou.

Lembrou que a versión inicial do proxecto aínda incluía algúns elementos vexetais para minimizar o impacto, mais finalmente Portos de Galiza cedeu ante a presión da alcaldía, ignorando unha maioría plenaria no Concello de Noia que aprobou o pasado 24 de abril unha proposta para redactar un novo proxecto integral e paisaxístico. O BNG propón a mudanza do proxecto para que teña unha verdadeira integración, contemple o futuro do paseo marítimo no seu conxunto e se abandone o formigón pulido, tal e como saíu adiante no pleno de Noia sen ningún voto en contra.

Neste sentido, a deputada nacionalista apuntou alternativas “sobradamente coñecidas” como as solucións de pavimento permeable, que suporían unha mellora desde o punto de vista ecolóxico e estético.

Desde o BNG insístese en que “o investimento no paseo marítimo é necesario, mais non deste xeito”. O que se reclama é unha planificación global e integradora, con perspectiva ecolóxica, social e urbanística, que vaia máis alá dunha simple pavimentación“. Esta actuación vai mesmo en contra da estratexia galega de infraestrutura verde que veñen de aprobar”, afeou.  Malia os argumentos da deputada nacionalista na Comisión 8ª en favor dunha maior humanización do espazo, o PP votou en da modificación do proxecto.

“Mentres cidades e vilas de Galiza e do mundo buscan solucións para reducir o impacto dos coches, este proxecto volve ás concepcións máis desfasadas do século XX. Este proxecto, e vostedes, van ao revés dos tempos”, criticou Pérez.