congreso

BNG reclama a modernización e o incremento das frecuencias do tren Celta

Néstor Rego

Néstor Rego: “RENFE debe comprometerse e negociar coa súa homóloga portuguesa para renovar o material rodante, a modernización e electrificación da vía e a actualización dos sistemas de seguranza”

A frente nacionalista demanda o compromiso do Goberno do Estado para avanzar na saída sur de Vigo e a conexión ferroviaria de alta velocidade con Portugal, a través dun calendario concreto e maior investimento

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado, en concreto RENFE, aposte pola modernización da vía ferroviaria e o incremento das frecuencias do tren Celta. A frente nacionalista reclama negociar co organismo homólogo portugués para avanzar na renovación do material rodante, a modernización e electrificación da vía e a homologación dos sistemas de seguranza. Así mesmo, reitera a necesidade de que o executivo do Estado español aposte pola saída sur de Vigo para a conexión ferroviaria de alta velocidade con Portugal.

Para a organización nacionalista, o anuncio de RENFE de abrirse a novos mercados ao norte do Pirineos contrasta radicalmente coa falta de atención ás conexións con Portugal. Os dous servizos por sentido do Tren Celta, entre Vigo e Porto, constitúen os únicos traxectos internacionais na actualidade no servizo ferroviario estatal. O goberno luso xa anuniaran no seu día a súa intención de negociar unha mellora dos servizos existentes por boca do, por aquel entón, ministro portugués de Infraestruturas, Pedro Nuno Santos.

Con todo, a falta de acordos na cimeira de Viana de novembro e a destitución do ministro luso en decembro dificultan a situación e arrisacase a paralización dos proxectos para modernizae a vía e actualizar o sistema de seguranza ferroviaria luso, así como as voltaxes diferentes da catenaria. “RENFE debe comprometerse coa liña do chamado tren Celta e negociar coa súa homóloga portuguesa para actualizar o material rodante, a modernización e electrificación da vía e a actualización dos sistemas de seguranza” asevera Rego.

“A pesar de que a liña que percorre A Coruña, Vigo, Porto e Lisboa conta cun enorme potencial para transporte de pasaxeiros, este corredor continúa con tan só dúas frecuencias por sentido ao día, operados con trens da serie 592 de 40 anos de antigüidade e cunha tarifa promocional de 5,25 euros. Trens que, debido ao tempo en funcionamento, teñen frecuentes avarías, causando atrasos e desconfianza no servizo, só compensado polo baixo prezo dos billetes” lamenta o deputado nacionalista.

Neste sentido, a organización nacionalista reclama, tamén, negociar o incremento das frecuencias ferroviarias nesta liña, así como mellorar o servizo a través de novo material rodante e eliminar as deficiencias existentes.

Avanzar na conexión ferroviaria de alta velocidade con Portugal

A frente nacionalista insiste na necesidade de impulsar a conexión ferroviaria de alta velocidade entre a Galiza e Portugal para completar a conexión entre Vigo e o Porto. A conexión no Eixo Atlántico con Portugal “debe ser unha obra estratéxica para o desenvolvemento social e económico da Galiza”. “O tramo que falta por completar -por parte do Estado español- é tan só de 35 quilómetros. Non é unha obra que non poida ser perfectamente asumida no curto prazo, polo que entendemos que se trata fundamentalmente de vontade política” explica Rego.

Porén, o Goberno do Estado español retrasa a finalización do estudo da saída sur e amplía os prazos. “Esta situación non pode ser tolerada máis. O Goberno do Estado debe axilizar todo o proceso e executar canto antes a obra que lle corresponde” conclúe.