BNG reclama mellorar os criterios das axudas ao sector pesqueiro

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego defende tamén a baixada do IVE a 0% en produtos pesqueiros, medida que axudaría ao sector ao fomentar o consumo e unha dieta saudábel para todas as persoas.

A frente nacionalista exixe a revisión das axudas directas ao sector pesqueiro sobre o combustíbel para que os requisitos non prexudiquen a frota de artes menores e se produzan agravios entre embarcacións

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas en favor do sector pesqueiro galego ante a suba desproporcionada dos prezos e a situación de crise que atravesa. A frente nacionalista defende eliminar o IVE aos produtos pesqueiros, así como a reestruturación das axudas directas para o combustíbel pesqueiro para que ningunha embarcación  fique excluída e non se produzan agravios entre as do mesmo caladoiro e censo, sobre todo no referido á frota de artes menores.

A finais de 2022, o Goberno aprobaba un novo Real Decreto que incluía, entre as súas medidas, a baixaba e mesmo a supresión do IVE a determinados alimentos. Así, de forma temporal, rebáixase o IVE de 10 a 5% na pasta ou aceite, así como tamén se pasaba de 4 a 0% nos alimentos de primeira necesidade. Porén, alimentos como o peixe quedaban fora, ausencia que xa fora denunciada pola organización nacionalista no seu momento.

Ante a negativa persistente do executivo estatal de baixar o IVE aos produtos pesqueiros, medida solicitada por numerosas entidades do sector e mesmo polo Parlamento de Galiza en acordos adoptados unanimemente como o de abril de 2021, o deputado do BNG no Congreso decide rexistrar novas iniciativas no Congreso instando ao Goberno a aplicar un IVE de 0% ao peixe.

“Esta medida xa foi adoptada por diferentes países da nosa contorna xa que, ademais de favorecer ao propio sector, ao incrementar as vendas, repercute positivamente na poboación. Moi en particular ás persoas máis desfavorecidas economicamente porque contribúe a fomentar o consumo de produtos pesqueiros e a manter unha dieta máis saudábel” afirma o deputado do BNG.

Por outra banda, a frente nacionalista reclama a “reestruturación das axudas directas para o combustíbel pesqueiro” que se estabeleceron no Real Decreto-lei, 20/2022, co obxectivo de que “ningunha embarcación quede excluída da axuda e non se produzan agravios entre as do mesmo caladoiro e censo, nomeadamente na frota de artes menores”.

A substitución do desconto de 20 céntimos por axudas directas que non chegará a todas as embarcacións porque, ao empregarse como criterio principal para a súa concesión os metros de eslora, producirán agravios importantes entre embarcacións do mesmo censo e caladoiro, “ademais de prexudicar de maneira importante a aquelas que constitúen precisamente o censo máis importante na Galiza, o de artes menores”.

Así, por unha banda quedarán excluídas aquelas que non estean ao corrente no pago á Seguranza Social ou Facenda, un número non menor xa que a actual situación de crise non permitiu que todas puidesen facelo. E, por outro, faenando nun mesmo caladoiro, coas mesmas artes e cos mesmos tripulantes, estabelécense diferenzas moi significativas entre embarcacións, segundo sexa a súa eslora.

En opinión do deputado nacionalista, precísanse medidas eficaces que apoien de verdade ao sector pesqueiro, un sector moi importante en países como a Galiza e que, leva décadas inmerso nunha profunda crise. “Sectores como o pesqueiro deben protexerse de forma urxente e asegurar o seu desenvolvemento futuro” asevera Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG