Congreso

BNG reclama medidas urxentes para frear a caída de pasaxe no Aeroporto Rosalía de Castro de Compostela

Néstor Rego

Néstor Rego defende o traspaso das competencias en materia aeroportuaria á Galiza para deseñar unha política propia que reverta o declive do tráfico aéreo

A organización nacionalista denuncia o abandono do aeroporto Rosalía de Castro e culpa o modelo centralista do Estado da perda de rutas e pasaxe

O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar ao Goberno do Estado explicacións e medidas concretas diante da importante perda de pasaxeiros que sofre o aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Segundo datos oficiais de AENA, a terminal compostelá acumulou até maio un descenso de 17% no tráfico de pasaxeiros en comparación co mesmo período do ano anterior, o que supón unhas 200.400 persoas menos.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinala que "a eliminación de rutas, a redución do número de voos e o emprego de avións con menor capacidade están a provocar unha caída preocupante da actividade no principal aeroporto galego", e engade que "existe unha causa de fondo: o modelo centralista do Estado español que concentra as conexións internacionais en Madrid e relega os aeroportos galegos a un papel subsidiario"

O BNG apunta que esta situación está a favorecer, ademais, o desvío de pasaxeiros galegos para o aeroporto Sá Carneiro do Porto, que continúa a medrar en rutas e pasaxeiros grazas a unha política activa e descentralizada. “O que está a acontecer demostra que existe unha demanda real e que o aeroporto Rosalía de Castro podería competir perfectamente, mais carece de apoio institucional por parte do Estado” denuncia Rego.

Néstor Rego defende que é preciso un impulso decidido ao aeroporto internacional da Galiza, tanto en número de rutas como en frecuencias e conexións internacionais. Nese sentido, lamenta que, a pesar de que AENA asegura estar a traballar con compañías aéreas para atraer novas rutas, "non se perciben resultados nin mudanzas substanciais que revertan a tendencia á baixa".

Durante a última reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria da Galiza, realizada en marzo, diversas administracións, incluído o propio Concello de Santiago, demandaron un mapa de rutas coordinado e consensuado para garantir a competitividade dos aeroportos galegos, así como un plan estratéxico que contemple a especialización e a complementariedade das tres infraestruturas.

Frente á inacción estatal, o BNG volve a reiterar a súa proposta de fondo: o traspaso das competencias en materia aeroportuaria á Galiza. Para Rego, “só coa xestión directa poderemos deseñar unha política aeroportuaria útil, eficaz e sustentábel, pensada para responder ás necesidades reais do país e non aos intereses centralistas de Madrid”.

Mentres non se avanza nese obxectivo, a formación nacionalista reclama ao Goberno central un plan inmediato de actuación que inclúa a recuperación de rutas canceladas e o incremento de voos internacionais, así como a modernización das instalacións e o mantemento do control público das torres de control.

“Debe elaborarse un mapa de rutas axustado á realidade galega e pór en valor o potencial do aeroporto Rosalía de Castro como porta de entrada internacional á Galiza” finda Rego. O aeroporto de Santiago, en palabras do deputado nacionalista, ten capacidade para ser unha infraestrutura de referencia no noroeste peninsular.